Os tres meses de folga xeraron nos xulgados un atasco dun ano
Por Oskar Viéitez
Noventa días de folga dos funcionarios da administración de xustiza deixaron sobre a mesa máis de 25.000 xuízos suspendidos e outras 60.000 actuacións paralizadas, un atasco na actividade xudicial que necesitará polo menos un ano de prazo para resolverse, segundo os cálculos realizados polo Consello da Avogacía Galega.
A Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deseñarán un plan de traballo para recuperar a normalidade.
Os sindicatos queren que as horas extras para desatascar o tapón se cubran só cos traballadores que secundaron a folga para que así poidan recuperar o diñeiro descontado nas súas nóminas, entre 62 e 80 euros cada día de paro, segundo a categoría laboral.
A administración autonómica rexeita esta proposta e apunta que o plan será para todos os traballadores.