A Xunta anuncia seis equipos de valoración da discapacidade e o PSOE esixe que non sexan un parche
Por Redacción
O conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, anunciou este mércores no Parlamento de Galicia a creación de 14 novos Equipos de Valoración e Orientación –EVO- da discapacidade. Seis estarán en Pontevedra e catro en Vigo e A Coruña. Ferrol, Lugo e Ourense terán un novo equipo cada unha.
No mesmo debate dunha pregunta oral no Parlamento no que se facía este anuncio, a viceportavoz do grupo parlamentario socialista, Patricia Vilán, esixíalle ao goberno galego que eses novos EVO anunciados para Pontevedra sexan "permanentes" e con persoal formado sen necesidade de supervisión e non "un parche".
O anuncio e a resposta enmárcanse en semanas de críticas por parte da oposición polo mal funcionamento da valoración da discapacidade en Galicia.
Neste contexto, Patricia Vilán criticou que o goberno galego "vai a remolque" nas necesidades para a provincia e advertiu que o retraso de oito anos no reforzo destes equipos provocou unha situación insostible para as 10.000 familias que están na lista de agarda na provincia e para unhas valoracións que poden chegar a adiarse ata tres anos, cando o prazo máximo legal, incluída a prórroga extraordinaria, é de tres meses.
Vilán sinalou que os atrasos "si que producen efectos prexudiciais" para as familias, incluíndo a perda de 100 euros mensuais de beneficios fiscais por prestación de fillo a cargo, ás bolsas escolares, o acceso a estudos superiores, reducións no IRPF, exencións no imposto de matriculación, axudas para usar prazas de aparcadoiro e mesmo o dereito a prazas de emprego público.
Ademais, a socialista acusou ao conselleiro de Política Social de "mentirlle á Valedora do Pobo" ao sinalar que os médicos do Sergas remitiran 904 expedientes, cunha valoración de 223, pero "agocharon que dúas terceiras partes desas valoracións foran devoltas polos EVO de Pontevedra por estar mal feitas".
O conselleiro de Política Social, pola súa parte, anunciou máis medidas dirixidas a simplificar os trámites e acelerar os tempos de resposta nas solicitudes de discapacidade, entre elas, impulsar a historia social única electrónica de tal xeito que o persoal dos equipos de valoración e orientación teñan acceso ao historial clínico dos solicitantes.
Deste xeito, simplificarase o modelo de solicitude, evitando que os demandantes teñan que achegar documentación á que se pode acceder de xeito dixital (sempre e cando o solicitante o autorice).
Relacionadas:
-
Esixen á Xunta que dote á unidade de valoración da discapacidade de dous equipos máis "pero fixas"
Por Oskar Viéitez |
-
Reclaman un incremento de persoal "estable" na unidade de valoración de discapacidade
Por Redacción |
-
Denuncian o importante atraso do servizo de valoración da discapacidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |