Xornada técnica para presentar a Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou a celebración o vindeiro martes día 15 dunha xornada de presentación da nova Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable.
Mosquera destacou que se congregará a persoal técnico chegado de todo o resto de Galicia e tamén do estado, posto que a Asociación Española de la Carretera, colexios profesionais, concellos, DXT e outros organismos difundiron o convite entre o sector.
O vicepresidente destacou que a guía é un manual técnico que recolle o máis avanzado en materia de tratamento de espazos e lembrou que para os concellos da provincia ten dúas aplicacións prácticas moi importantes: serve de base para actuacións e melloras como as do Plan Camiña á Escola, impulsado pola Deputación (cuxas bases saen este mércores no BOPPO), e tamén como referencia e condición indispensable para as iniciativas que os concellos presenten ao Plan DepoRemse.
Mosquera finalizou a súa intervención felicitando o traballo que está a desenvolver o departamento de Mobilidade, que está a ser referente tanto de xeito estatal como internacional, cun convite ao Congreso Iberoamericano de Perú en outubro deste ano.
"A pesares das dificultades iniciais, nas que se cambiou o director de departamento e houbo outras problemáticas, estase a facer un traballo espléndido. A maior satisfacción é que con este traballo estanse a salvar vidas. Fomos moitos anos das primeiras provincias con máis sinistralidade e afortunadamente as cifras están a baixar", asegurou.