A tripulación que levaba 1.245 quilos de coca para a rede de 'O Mulo' parapétase en que ía pescar
Por Natalia Puga
As nove persoas que en xaneiro de 2005 foron interceptadas a bordo do buque pesqueiro 'Coral I' no medio do Atlántico con 1.245 quilos de cocaína a bordo recoñeceron este mércores que, efectivamente, levaban esa droga, pero tan só un, o capitán, asumiu que saíu do porto sabéndoo. Os oito restantes aférranse a que pensaban que ían faenar e non o souberon ata que levaban en alta mar máis de dúas semanas.
Os nove prestaron declaración este mércores ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra na terceira sesión do xuízo contra a organización criminal á que responsabilizan do alixo e que presuntamente lideraba Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido como 'O Mulo'.
Na sesión tamén declararon outros seis acusados, de tal forma que, unidos aos dous que o fixeron martes, permitiron terminar os interrogatorios do xuízo, que agora entra na seguinte fase de testemuños e probas periciais. Este xoves están chamados ante o tribunal os policías que investigaron á rede de 'O Mulo'.
Un dos testemuños máis destacados da xornada foi o de José Gerardo Holguín Romeu, que formaba parte da rama suramericana da organización desprazada a Galicia e xa o primeiro día do xuízo recoñeceu os feitos xunto aos nove tripulantes do buque. Este procesado explicou que era o "notario" ao que a organización enviara a Galicia como "enlace" e que se encargou de contactar con 'O Mulo' para acompañarlle a ver como estaba a embarcación na que irían recoller a droga a alta mar.
'O Mulo' e a súa man dereita, Jaime Iván Bolados Geraldo, alcumado 'o chileno', declararon na segunda sesión que non tiñan a súa embarcación preparada para ir buscar a droga, de modo que se negaron a facer o encargo. Holguín Romeu recoñeceu este mércores que comprobou que así era, que non estaba lista para saír á auga.
Asumiu este acusado contactos con 'O Mulo' e que el, como "enlace para supervisar si el barco llagaba a tierra" tiña cartas náuticas e as coordenadas da localización do buque. A pesar de que a súa tarefa era comprobar que se facía o desembarco e asegura que este se frustrou ao non ter 'O Mulo' un barco preparado, quedou varios días máis en Vilagarcía, onde foi finalmente detido.
O capitán do buque recoñeceu que a el encargáronlle en Venezuela levar a cocaína ata unhas coordinadas no Atlántico nas que lle sairía ao encontro unha embarcación para recollela, pero que el non dixo nada á súa tripulación, que se decatou cando xa levaban varios días navegando e á que ofreceu diñeiro a cambio de seguir co transporte.
Este acusado asumiu tamén que tan só el contactaba pola emisora do barco cos propietarios da droga que lle contrataron o envío no país de orixe e tamén que falou con alguén en España, pero sen poder concretar con quen. O fiscal sostén que con 'O Mulo', a súa man dereita e as persoas da organización colombiana enviadas a Galicia para supervisar a operación.
O narco transporte frustrouse porque a embarcación se averió cando estaba fronte ás costas de Cabo Verde e quedaron sen combustible nin víveres e, tras varios días sen noticias, o capitán recoñece que falou con alguén en España que se comprometeu a prestarlle axuda. A idea é que unha embarcación achegaríalle combustible e eles poderían seguir o camiño ata que un segundo barco achegásese a buscarlle a droga, pero non chegaron nin un nin outro, senón que o 5 de xaneiro de 2015 foron abordados en alta mar e detidos.
Os outros oito tripulantes manteñen unha mesma estratexia de defensa. Asumiron que levaban a droga, pero aseguran que son todos mariñeiros de profesión que saíron de porto o 17 de novembro, como en calquera outra faena, para pescar. Empezaron a sospeitar cando levaban "dos o tres semanas" no barco e viron que se afastaban mar dentro.
Finalmente, segundo eles declararon ante o tribunal, o capitán ""nos dijo: tenemos una carga que hay que entregar y ya no hay vuelta atrás". Díxolles que era cocaína, que ía nunha das dúas adegas do barco á que eles non adoitaban ter acceso e que " "ya no hay vuelta atrás porque si volvemos tendremos problemas".
A pesar de que eran oito e o capitán só un, explicaron que en ningún momento desobedeceron as súas ordes porque "si volvíamos, íbamos a tener muchos problemas y, como se puede imaginar, uno tiene familia e hijos". "No podíamos hacer nada más, él era el que tomaba las decisiones", engadiron.
Relacionadas:
-
O xuízo contra a rede de narcos de 'O Mulo' encara a recta final
Por Natalia Puga |
-
O Mulo empregaba perrucas, bigotes postizos, cristais tinguidos e monos de traballo para despistar á Garda Civil
Por Redacción |
-
A Policía ratifica que as vixilancias á rede de 'O Mulo' sosteñen as acusacións por un alixo de 1.245 quilos de coca
Por Natalia Puga |
-
A man dereita de 'O Mulo' pide matizar a súa declaración no xuízo polo alixo de 1.245 quilos de cocaína
Por Natalia Puga |
-
A súa man dereita, sobre 'O Mulo': "Aunque seas delincuente, tienes que ser serio"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dez dos 17 acusados da rede do Mulo por un alixo de 1.245 quilos de coca recoñecen os feitos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O narco 'O Mulo' volve á Audiencia e enfróntase a 24 anos de prisión e unha multa de 425 millóns
Por Natalia Puga |