As praias con bandeira azul non admiten cans
Por Oskar Viéitez
Desde hai varios anos os colectivos animalistas reclaman sen éxito ante a Adeac que permita a presenza de animais domésticos nas praias con bandeira azul. É un requisito irrenunciable.
Por tanto, como lembrou o Concello de Marín, aqueles areais que luzan estas insignias teñen prohibida a entrada ás mascotas.
No caso concreto da vila marinense, esta circunstancia está tamén recollida na ordenanza de Medio Ambiente que prohibe a presenza de mascotas, aínda no caso de que vaian con correa, en todas as praias entre o 1 de abril e o 14 de xuño desde as 12 ás 21 horas e a partir do 15 de xuño ata o 15 de setembro a prohibición será total. En ambos os casos exclúense os cans lazarillo ou de axuda a persoas con algún tipo de discapacidade.
Os cans non poderán pasearse, correr, nin bañarse nas praias de Marín nestas franxas horarias. A Policía Local multará aos donos de cans que leven mascotas á praia fóra dos límites que figurarán nos regulamentos municipais e as sancións poden ascender ata os 750 euros.
Este mesmo martes, a Policía Local de Marín incoou un expediente administrativo ao dono dun can solto e sen microchip.
Desde o goberno local lémbrase a obrigatoriedade dos donos dos cans de telos dados de alta no rexistro municipal e con microchip, e que a multa por non cumprir este deber é de 500 euros, mentres que o gasto de poñer o citado microchip rolda os 50 euros e dalo de alta no Concello non ten custo algún.
Igualmente advirten aos donos que é obrigatorio poñer os medios suficientes para que os cans non escapen ou anden soltos pola rúa.