A ONCE presenta en Pontevedra "Braitico", o primeiro método oficial inclusivo para aprender braille
Por Oskar Viéitez
O Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE presentou este martes no colexio pontevedrés Marcos da Portela o denominado "Braitico", o primeiro método de alfabetización inclusivo.
Un pequeno alumno cego de segundo de Primaria, José Souto, acompañado da súa profesora de apoio e da súa titora, fixo unha demostración deste innovador e revolucionario programa desenvolvido pola ONCE para o ensino e aprendizaxe do braille desde o berce.
Ao acto asistiron o director do CRE, José Ángel Abraldes; o Xefe Territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares e a directora do centro, Alicia Martínez.
Este método para a alfabetización e competencia lectoescritora está concibido para ser utilizado tanto por nenos con cegueira ou discapacidade visual como por calquera neno con visión. Para iso empréganse ferramentas que combinan materiais manipulativos, impresos e as novas tecnoloxías.
O obxectivo é que se converta nunha ferramenta fundamental para os docentes de todo o país que teñen a alumnos cegos nas súas aulas e conseguir un grao idóneo de inclusión.
Está composto por catro módulos: Manitas, A punto, Brailleo e Superbraille 4.0. Iniciando o traballo polas habilidades previas ao braille desde os cero anos, seguindo coa prelectura e a preescritura na etapa desde os dous ata os catro ou cinco anos. O terceiro módulo está dedicado á lectura e a escritura e o cuarto é o da excelencia, no que se traballa a comprensión lectora ou a velocidade, entre outras habilidades.
Ademais, Braitico conta cunha aplicación para móbiles que espreme ao máximo unha ferramenta fundamental para a aprendizaxe: a música.