Barallan varias propostas para o solar ao que renunciou a ONCE
Por Oskar Viéitez
A concelleira de disciplina urbanística, Carme da Silva informou este martes que o goberno local de Pontevedra ten sobre a mesa varias propostas para equipamentos no solar da ONCE no polígono entre Eduardo Pondal, Joaquín Costa e Doce de Novembro.
Para este xoves día 10 está prevista unha reunión de traballo entre o goberno local de Pontevedra e responsables da ONCE para "pechar todos os flecos" do convenio urbanístico que modifica o acordo subscrito en 2006 coa organización de cegos para o desenvolvemento dos seus terreos na cidade.
A ONCE renuncia a aquela operación que incluía o proxecto fracasado dun novo Centro de Recursos Educativos (CRE) e devolve a mans do Concello de Pontevedra o solar municipal de 5.000 metros cadrados.
En virtude do novo acordo a ONCE conservará a titularidade do actual colexio Santiago Apóstolo, detrás da delegación territorial da Xunta en Campolongo e comprométese a destinar uns 500.000 euros a abrir un novo viario neses terreos conectando coa contorna do instituto Torrente Ballester.
Neste solar de equipamento "hai moitas cousas interesantes e interesadas en utilizar esa parcela", segundo confirmou a concelleira Carme da Silva. Por iso o goberno local quere apurar o peche dese convenio para "liberar esa parcela que está nunha zona moi boa e onde xa hai varias propostas".
Baixo esa cualificación de equipamento poden ter amparo numerosas opcións entre as que citou como exemplos: unha residencia, un centro da terceira idade ou unha escola infantil, "pero non estou dicindo que sexa ningunha das propostas que hai", matizou.
Relacionadas:
-
O Concello e a ONCE asinan un convenio con "importantes beneficios mutuos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello e a ONCE asinarán un convenio para urbanizar a parcela do colexio
Por Redacción |
-
O PP carga contra o goberno local pola renuncia da ONCE a construír o novo Centro de Recursos Educativos
Por Redacción |
-
A ONCE renuncia a construír o novo Centro de Recursos educativos nos terreos de 12 de novembro
Por Redacción |