En Marea propón modificar os orzamentos do Estado e engadir 31 millóns para o saneamento da ría
Por Redacción
En Marea presentou emendas aos orzamentos xerais do Estado 2018 para mellorar as dotacións correspondentes a Marín e, en total, pide 31 millóns de euros para o saneamento da ría de Pontevedra e unha dotación de 1,5 millóns para pantallas acústicas no Porto.
As deputada e senadora de En Marea, Alexandra Fernández e Vanessa Angustia, presentaron as propostas de mellora este luns acompañadas do representante do grupo municipal da Marea de Marín, Aarón Franco.
No que atinxe ás infraestruturas, criticaron o modelo do PP de grandes obras que "sabemos que só benefician a constructoras" e apostaron polo tren de cercanías. En concreto, piden 15 millóns de euros para o desenvolvemento da rede de cercanías na área Vigo-Pontevedra, que beneficiaría a Marín con servizos diarios de tren.
En Marea tamén amosa a súa preocupación pola desconexión dos portos galegos coa Rede Europea de Mercadorías e solicita 1,5 millóns para a instalación de pantallas acústicas no porto de Marin, posto que "os portos deben convivir coa dinámica urbana da vila".
En relación co saneamento da ría de Pontevedra, fan dúas propostas: un plan integral de recuperación da ría de Pontevedra por 16 millóns e o saneamento de Pontevedra-Marín-Poio-Bueu por 15 millóns. Un total de 31 millóns para a mellora da ría.
Outra das súas propostas insiste na necesidade de recuperar a praia de Aguete, para a que piden 2,6 millóns, e na ampliación do paseo marítimo entre Agrelo e Lapamán en Bueu, proxectos que cifran en 90.000 euros.