Alertan da propagación da praga do buxo na provincia e promoven o seu tratamento inmediato
Por Redacción
Desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro lanza unha alerta para que se inicie o tratamento contra a praga do buxo, antes de que se estenda totalmente.
O centro de investigación está a recibir unha avalancha de consultas por parte dos propietarios de xardíns que se atopan coa Cydalima perspectalis, a bolboreta que ataca á planta na súa totalidade. Inicia os seus ataques polas follas e na provincia xa se detectan as primeiras eirugas que saen da hibernación.
Os técnicos indican que a única forma efectiva para loitar contra esta praga se atopa en aplicar insecticidas con produtos de orixe natural, entre os que se atopa o aceite de parafina, o Bacillus thuringiensis ou a azadiractina. Tamén se poden empregar outros insecticidas de orixe sintética como os piretroides. En todo caso, é preciso iniciar os tratamentos ante os primeiros síntomas, mollando a totalidade da planta para alcanzar ao maior número de eirugas posible.
É necesario, ademais, manter a vixilancia porque a bolboreta conta con entre dúas e catro xeracións ao ano. Os síntomas iniciais son difíciles de recoñecer porque parece que a planta está a secar.
As eirugas unen varias follas e van desenvolvendo as bolboretas no interior dos fíos de seda, semellante aos que forman as arañas cando tecen unha tea. Tamén colgan estes fíos tanto en plantas ou obxectos próximos. Canto máis medran as eirugas máis dano producen e unha vez que finalizan coas follas, aliméntanse da cortiza nova, impedindo que a planta sobreviva.