Os populares din que criticar o Plan Revitaliza non é estar en contra da compostaxe
Por Oskar Viéitez
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, xustificou este luns que solicitaron a celebración de un pleno extraordinario na Deputación para que a presidenta, Carmela Silva, explique e faga unha valoración do "fracaso" do plan Revitaliza.
O PP pide para o pleno o debate de tres acordos: paralizar o Plan Revitaliza nos termos actuais, crear unha comisión de alcaldes na que se consensúe un proxecto de compostaxe provincial e iniciar unha auditoría que avalíe os resultados do plan en relación ao gasto realizado e a evolución dos residuos sólidos urbanos xerados na provincia desde a súa posta en marcha, ata a actualidade.
En rolda de prensa acompañado pola deputada provincial Salomé Peña, Ángel Moldes indicou que o que están cuestionando é o modelo de compostaxe que está impoñendo a Deputación de Pontevedra, un modelo que, recordaron, leva "despilfarrados" seis millóns de euros en tres anos e con uns resultados "malos" para a provincia. De novo, os populares insistiron que entre 2015 e 2017 Pontevedra foi a provincia galega que máis aumentou os residuos sólidos urbanos que se envían a Sogama.
Moldes pediu "que non exista covardía política", e criticou que "en lugar de dar a cara polos malos resultados do Plan Revitaliza cada vez que o PP pregunta sobre este tema, a resposta do goberno é cuestionar si o PP está a favor ou non da compostaxe" polo que quixo aclarar que "o que nós estamos criticando é o Plan Revitaliza".
Por iso, insistiu, "o PP ten claro que a compostaxe é boa e ten claro que a compostaxe non a trouxo o bipartito da Deputación para esta provincia".