Paradela e Gradín estrean parques infantís renovados
Por Redacción
Dous lugares do rural de Ponte Caldelas, Paradela e Gradín, xa contan con parques infantís renovados. Esta actuación forma parte do plan posto en marcha polo goberno municipal para mellorar as máis de trinta áreas destas características que hai nas parroquias.
En ambos parques realizouse unha actuación en profundidade para tratar os elementos metálicos e de madeira, eliminando todo tipo de defectos. Ademais repuxéronse as pezas e elementos que faltaban e procedeuse a un pintado e a unha limpeza xeral.
Se o parque de Gradín quedou en perfectas condicións, comprobouse que en Paradela será necesario colocar un pequeno valado ou dous bolardos para delimitar o espazo que utilizan os vehículos para aparcar e manobrar, que agora é excesivo.
A próxima actuación, avanzan desde o Concello, será Chaín.
O alcalde recalcou as dificultades legais que entrañan este tipo de obras, toda vez que os parques do rural sitúanse sobre terreos das comunidades de montes que non están incorporados ao patrimonio municipal e, coa normativa actual, tan só é posible para o Concello realizar labores de mantemento, pero non de novo investimento.