Pilar Blanco e Alfonso Férnandez abandonan o BNG e pasan a ser concelleiros non adscritos
Por Redacción
Dous dos tres concelleiros que o Bloque Nacionalista Galego de Marín conseguira nas últimas eleccións municipais anunciaron este venres que abandonan a formación.
Trátase da portavoz do grupo municipal, Pilar Blanco, e de Alfonso Fernández, que si manterán a súa acta pasando a ser concelleiros non adscritos.
"A renuncia ás nosas actas non faría máis que evidenciar que o BNG non está a defender o proxecto político que para Marín presentou a asemblea local en 2015", explicaron dando lectura a un comunicado.
Blanco e Fernández critican a falta de apoio do BNG durante os últimos meses no "cisma" aberto na organización, especialmente cando se desautorizou á portavoz por parte, manteñen, dun sector minoritario na asemblea, ao que responsabilizaron.
"O que si pareceu afectarlles foi a asistencia de gran parte de militantes e ex-militantes a un acto público recente de outra forza política", explicou Pilar Blanco en alusión a un acto veciñal convocado por Marea, un feito que foi "utilizado como excusa para solicitar, a través dun burofax, a miña acta de concelleira", argumentou.
Xunto a eles abandona o BNG un importante número de asambleístas locais e parte da candidatura nacionalista das últimas eleccións, xa que a ata agora voceira asegurou que "procederemos a darnos de baixa" do partido.