O plan de emerxencia da presa de Eiras prevé a instalación de cinco sereas de aviso á poboación
Por Redacción
O plan de emerxencia da presa de Eiras que acaba de aprobarse e está a implantar a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Emerxencias, inclúe a instalación dunha rede de cinco sereas de aviso á poboación.
Os concellos de Pontevedra, Ponte Caldelas e Soutomaior coñeceron este venres os detalles nunha reunión celebrada para avanzar na implantación do Plan porque os tres municipios teñen poboacións que poderían verse afectados no caso dunha incidencia no encoro.
Estivo presidida pola xefa territorial de Presidencia en Pontevedra, Marta Mariño, e acudiron técnicos municipais de Pontevedra e os alcaldes de Ponte Caldelas e Soutomaior, Andrés Díaz e Agustín Reguera.
O plan ten coma finalidade o incremento das garantías de seguridade que xa ofrece esta instalación e establece diversos procedementos para o suposto de que se produzan incidencias no normal funcionamento da presa, tales como as cinco sereas de aviso á poboación ou unha sala de emerxencias ao pé de presa, onde se instalará dunha destas sereas.
Ao respecto, avanzouse en que as sereas instalaranse en puntos estratéxicos que permitan a propagación do son coa maior calidade posible. Para a elección destes puntos utilízase un programa informático e agora os concellos terán que comprobar a titularidade dos terreos onde deben instalarse estes elementos.
Tamén se analizaron os puntos de encontro que deben fixarse en caso dun accidente nesta instalación e agora será o momento de que os concellos avalíen o consensuado durante a reunión para a súa aprobación definitiva.
Despois da reunión, o Concello de Ponte Caldelas valorou que este plan chega "cun avultado atraso", pero finalmente cubre os requisitos establecidos na normativa estatal sobre seguridade de encoros, que data xa do ano 1995 e que obriga á aprobación deste plan.
No encontro Andrés Díaz comprobou que a afectación ao territorio caldelán é mínima, pois no caso de rotura da presa tan só se prevé como zona inundable o núcleo de Moledo. Tamén engade que as sereas estarán principalmente situadas en Soutomaior e Fornelos (a carón da presa).
Despois do verán farase a implantación definitiva do plan coa repartición dun tríptico entre os veciños das poboacións afectadas e coa concrecións das datas nas que terán lugar unhas charlas informativas a poboación na que se explicarán aspectos relacionados coa seguridade da presa e medidas de autoprotección da poboación.
Entre as medidas adoptadas, tamén se levará a cabo a posta en marcha dun simulacro que permita comprobar a eficacia da rede de sereas coas que alertar a poboación en caso necesario.