A Policía Local de Sanxenxo intensificará a vixilancia de animais en espazos públicos
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Sanxenxo anunciou que intensificará a vixilancia en paseos, praias, parques e outros lugares públicos para garantir o cumprimento da lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de outubro.
Desde a concellería de medio ambiente, solicitouse á Policía Local do municipio que intensifique o control de animais con microchip xa que a falta deste dispositivo denota unha tenencia irresponsable das mascotas e favorecen o seu abandono.
Durante o ano 2017, atendéronse 195 casos de cans soltos na vía pública, dos cales 102 foron recollidos polo centro de acollida e protección animal dependente da Deputación de Pontevedra. Só os 15 restantes tiñan microchip. A non identificación dos cans co microchip considérase unha infracción grave e a contía da sanción oscila entre os 501 ata os 5.000 euros.
O concelleiro quere lembrar que "todos os cans deben acceder aos espazos públicos con correa, e non esquecer que por moi tranquilo que pareza un animal, nunca se pode predicir como vai reaccionar ante un estímulo que lle resulte descoñecido".
Tamén se incidirá nos cans de raza considerados potencialmente perigosos, para que teñan a documentación obrigatoria ao día e en regra, así como que estean nos espazos públicos con correa non extensible, inferior a dous metros e boceira.
Outro punto para controlar será a inmediata recollida dos excrementos da vía pública, que de non facelo levará consigo unha sanción que vai desde os 100 ata os 500 euros.
Por outra banda, desde a concellería anímase á xente que desexe ter unha mascota para optar pola adopción e pídese que os veciños sexan responsables no coidado das mesmas.