Máis de 150 persoas optan aos catro empregos que ofrece Pontevedra coa compostaxe
Por Alejandro Espiño
Cunha resposta superior á esperada. Así concluíu, segundo explicou Carme da Silva, o período de inscrición para participar nas probas de selección que realizará o Concello de Pontevedra para contratar a catro persoas que supervisarán, desde o punto de vista técnico, o plan de compostaxe municipal.
Un total de 61 persoas optarán á única praza de técnico superior e outras 91 farano ás tres prazas de auxiliar técnico. A proba, explicou Da Silva, "será como unha oposición" e todos os aprobados quedarán nunha lista de interinidade á que se recorrerá se no futuro é necesario contratar a máis persoas, evitando realizar un novo exame.
A composición do tribunal coñecerase "en breve" e as probas realizaranse antes do verán, segundo as previsións do goberno municipal.
Este persoal sumarase aos mestres composteiros que, actualmente, xa supervisan o despregamento dos centros comunitarios e aos bolseiros que se incorporarán en próximas datas, remitidos pola Deputación de Pontevedra.
Carme da Silva informou ademais que os dez centros de compostaxe comunitaria que, actualmente, hai repartidos pola cidade (Eduardo Pondal, Camiño do Ferro, Ponte Boleira, San Brais, Monte Porreiro e o campus universitario) trataron xa no seu conxunto 73,8 toneladas de biorresiduos.
O ritmo dos últimos instalados é " elevadísimo", explicou, e en total son xa 2.200 veciños de Pontevedra os que colaboran con este sistema de tratamento dos residuos orgánicos. Socialmente, dixo Da Silva, a xente está "moi concienciada" desde que se instalou o primeiro, alá por xuño de 2016, no barrio de Monte Porreiro.
Ademais, as análises realizadas ao compost que se produce demostran que se xera material de calidade "altísima", aínda que se deberán facer unha serie de correccións, xa que se detectou a presenza de zinc nalgunhas mostras, procedentes dos propios recipientes comunitarios, que contan con material galvanizado nos seus ferros metálicos.
RESPOSTA ÁS PETICIÓNS VECIÑAIS
Carme da Silva respondeu, por outra banda, ás peticións realizadas publicamente por colectivos veciñais que colaboran con este sistema, que reclamaban que os mestres composteiros tamén atendesen aos veciños en horario de tarde e que se repercutise positivamente esta colaboración cidadá no recibo do lixo.
Respecto diso desta última cuestión, Da Silva apuntou que si está previsto bonificar o recibo en "zonas pechadas" unha vez o sistema estea en pleno funcionamento. Ese era o obxectivo, explicou, do despregamento previsto en Monte Porreiro, onde se "delimita perfectamente" a achega veciñal.
Tamén se estudará no rural, cando se entreguen os composteiros invididuales, aínda que advertiu que alí o recibo xa está " moi primado" con respecto á cidade e a marxe de manobra en menor. En todo caso, reiterou que "é posible" facer unha modificación da ordenanza fiscal nesta materia.
Sobre o horario dos técnicos, a edil do BNG sinalou que "se pode falar" coa Deputación para que se modifique puntualmente, pero lembrou que este persoal, ademais de atender as dúbidas dos veciños, tratan e analizan o compost producido, algo que "teñen que facer nas horas que se pode facer".
Relacionadas:
-
Eduardo Pondal celebrará cunha festa a súa primeira produción de compost
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños partidarios da compostaxe queren que repercuta positivamente no recibo do lixo
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá una campaña informativa "masiva" para resolver dúbidas sobre a compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares cren que o BNG busca "cómplices" para "compartir o fracaso" do plan de compostaxe
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez |
-
Lagares Oca "guiará" o proceso para licitar o novo contrato de recollida de lixo
Por Alejandro Espiño |