A Ponte de Maio rexistrou unha ocupación hoteleira do 62,5% na provincia
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confirmou que a provincia de Pontevedra, durante a pasada ponte de maio, acadou o 62,5% de ocupación.
Máis polo miúdo a presidenta provincial desagregou os datos por comarcas, dando a coñecer que Caldas acadou o 84% de ocupación durante a ponte de maio, seguida de Vigo co 70% e O Salnés co 62% (sendo superada a porcentaxe en vilas como Vilagarcía de Arousa, na que se rozou o 80%, ou o Grove, que acadou o 70%). Pola súa banda, as comarcas de Pontevedra e O Morrazo obtiveron unha ocupación do 60%.
En canto ás persoas que visitaron a provincia o 71% eran españolas, de Cataluña, Andalucía e Castela e León, fronte ao 29% de estranxeiras e procedentes do Reino Unido, Arxentina e Portugal. A maioría contaban con idades superiores aos 60 anos, aloxáronse en hoteis entre 7 e 15 días e visitaron a provincia motivados pola súa cultura percorrendo, principalmente, Vigo, Pontevedra, Cuntis, Sanxenxo e Baiona. Ademais, e tal e como informou Silva, o 59% das persoas que chegaron ás Rías Baixas non tiñan estado na provincia con anterioridade.
Os datos de ocupación hoteleira correspondentes ao mes de abril sitúan a porcentaxe definitiva no 50%.
XORNADAS ABERTAS NO CASTELO DE SOUTOMAIOR
As xornadas gratuítas serán os días 13,20,21,22, 24 e 25 de maio, incluíndo nas últimas catro datas visitas guiadas para as que será preciso realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico castelodesoutomaior@depo.es, xa que as prazas están limitadas a un máximo de 22 persoas por grupo.
Máis de mil persoas, entre colexios, grupos e axencias de viaxes, teñen feito reservas nas últimas 48 horas desde que se presentou a nova musealización.