Se Extremadura ten as visitas ás cerdeiras do Jerte en Pontevedra temos a Ruta das maceiras en flor
Por Oskar Viéitez
A floración das cerdeiras no Val do Jerte é todo un espectáculo da Natureza que cada ano atrae a unha multitude dos turistas de toda España. Tomando o exemplo de Extremadura a Deputación de Pontevedra vai apostar pola Ruta das Maceiras en Flor que, nestas datas, "están fermosísimas”, segundo indicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Esta novidosa ruta terá lugar o vindeiro 12 de maio no concello da Estrada, cunha importante produción de sidra tradicional que remóntase á Idade de Ferro. A vila conta con grandes plantacións de maceiras, de ata máis de cen hectáreas, e con máis de cincuenta exemplares diferentes destas árbores como ollomouro, rabiosa, raída, marafouza ou freixerana.
Nas plantacións da Estrada recollen máis de mil toneladas de mazás ao ano e, aínda que a maior parte véndese a sidrerías foráneas, unha parte destínase á elaboración de sidra na vila.
A Ruta das maceiras en flor terá lugar o vindeiro día 12 de maio a través de dous itinerarios gratuítos con saídas desde Vigo (Centro Comercial A Laxe), ás 9.00 horas, e Pontevedra (Capela de San Roque), ás 9.30 horas cara o concello da Estrada, onde se poderán ver as maceiras en flor a través de dous itinerarios. Para ambas saídas é preciso presentarse 15 minutos antes.
O primeiro itinerario percorrerá as parroquias estradenses de Callobre e Agar. Deste xeito, en Callobre realizarase un percorrido guiado pola plantación de maceiras, explicando a variedade de especies que hai e entre as que destacan a "rabiosa de Callobre" ou "ollomouro". Unha hora despois, o grupo trasladarase cara un lagar antigo na parroquia de Agar, onde se poderá ver unha sidrería antiga rehabilitada e xa ás 13.00 horas terá lugar o regreso ás localidades de orixe.
O segundo itinerario da "Ruta das Maceiras en Flor" percorrerá o Lagar de Ribela, tamén na Estrada, onde haberá unha visita guiada para gozar dos diferentes exemplares de maceiras en flor. O regreso será, ao igual que no primeiro itinerario, ás 13.00 horas.
As persoas interesadas en participar nesta ruta da Deputación de Pontevedra poderán facelo desde este venres a través do correo electrónico visitasguiadas@depo.es, no que terán que indicar o itinerario escollido, o nome das persoas que asisten (4 como máximo por inscrición), o teléfono de contacto e o lugar de saída. As prazas cubriranse por rigorosa orde de chegada e confirmaranse por correo electrónico entre os días 9 e 10 de maio.
Segundo destacou Carmela Silva, a ruta "enmárcase no noso Plan Estratéxico de Turismo co obxectivo de desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia de Pontevedra".