A Xunta de Persoal dos Hospitais de Pontevedra vai pecharse durante 12 horas no Provincial
Emma Rodríguez é a nova presidenta da Xunta de Persoal dos Hospitais Públicos de Pontevedra e Jorge Castelo é o novo secretario, dentro da rotación que se leva a cabo periodicamente neste órgano de representación dos traballadores dos centros hospitalarios.
Este venres ámbolos manifestaban a súa preocupación ante a negativa por parte da xerencia a facilitar datos sobre o peche de camas previsto para os meses de verán. O xerente José Ramón Gómez alega que carece de permiso do Sergas para facilitar eses datos aos representantes do persoal. Con todo, a xerencia xa foi trasladando aos traballadores os cambios aos que terán que someterse con motivo do peche de camas.
Desta forma, desde a Xunta de Persoal calculan que o peche será de ao redor de 83 camas, un 13,53% do total, unha cifra similar á do verán de 2017, entre os meses de xuño e outubro cando se pecharon 9 camas en lactantes, 10 en pneumoloxía, 33 en medicina interna III e 31 en cirurxía. Emma Rodríguez mostraba a súa preocupación pola reestruturación de persoal que supón esta decisión, desestabilizando os servizos e aos traballadores. Indican que os profesionais descoñecen en moitas ocasións onde van traballar nas vindeiras horas. O problema afecta directamente os usuarios porque, segundo explica a presidenta da Xunta de Persoal, en departamentos como o de lactantes "se mezclarán" con usuarios de outras seccións con características diferentes como pediatría de escolares e neonatos.
Emma Rodríguez e Jorge Castelo denuncian que durante os meses de verán van derivarse aos pacientes aos hospitais privados, que ao contrario dos públicos, non van pechar servizos.
Ante a falta de información da xerencia e a perspectiva para os meses estivais en relación con este tema, a Xunta de Persoal decidiu iniciar actos de protesta. O primeiro será o luns 7 ás 11.00 horas na entrada do Hospital Provincial cunha concentración á que están chamados todos os empregados no centro hospitalario. Ás 12.30 horas desa mesma xornada vai desenvolverse outra concentración ante as portas do Hospital Montecelo.
O martes 8 está previsto un peche no vestíbulo do Hospital Provincial desde as 10.00 horas ata as 22.00 horas. A estas convocatorias, ademais de aos representantes sindicais, tamén se agarda a presenza de profesionais dos centros sanitarios e mesmo de pacientes.
Relacionadas:
-
Doce horas no vestíbulo do Hospital para amosar a oposición ao peche de camas no verán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra inicia as protestas contra o peche de camas no verán
Por Miguel Álvarez Fandiño & Anxo Lourido |
-
Chaman a manifestarse contra o peche de 83 camas previsto para este verán nos hospitais de Pontevedra
Por Alejandro Vila de la Fuente & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
En Marea preguntará no Parlamento pola situación do colapso nas urxencias de Montecelo
Por Oskar Viéitez |