Ponte Caldelas enviará unha carta a toda a veciñanza identificando as fincas en faixa de protección forestal
Por Redacción
A campaña municipal para instar á limpeza das fincas antes da temporada de incendios forestais chega este ano con importantes novidades. O Concello de Ponte Caldelas vén de emitir o bando anual adaptado á nova normativa da Xunta de Galicia, que incorpora a obriga de limpar tamén os terreos comprendidos na faixa de protección ao redor dos núcleos rurais e das vivendas illadas.
A obriga de rozar todas as fincas antes do 31 de maio non se cingue só ás fincas urbanas ou de núcleo rural (as de competencia puramente municipal), senón que tamén inclúe ás rústicas que se atopen a menos de 50 metros de solo urbano, núcleo rural ou vivendas illadas.
Ademais, o Concello está a enviar cartas informativas a toda a poboación de Ponte Caldelas. Deste xeito, cada veciño recibirá un texto e un plano da faixa de 50 metros ao redor do núcleo no que resida, incluíndo o parcelario das propiedades afectadas.
Aínda así hai moitas propiedades privadas en mans de persoas emigradas, herdanzas sen tramitar ou parcelas que, simplemente, non se sabe de quen son. O Catastro tampouco ten actualizados os seus datos en amplas zonas do territorio.
O Concello actuará no solo urbano e de núcleo rural, onde pode impoñer multas de ata 750 euros a partir do 31 de maio. Ademais, irán acompañadas de multas coercitivas de ata 1.000 euros ao mes ata que a finca se limpe. Os propietarios que non cumpran coa súa obriga expóñense a que sexa a administración quen o faga, pasando a factura.
En canto ás faixas de protección, dado que o solo forestal é competencia da Xunta de Galicia, asúmese o papel municipal de colaboración, advertindo de que as administracións poden interpoñer tamén cuantiosas multas e tamén pasar a factura da limpeza, incluíndo o comiso das árbores. Aínda máis, lémbrase que a Lei de Montes tamén faculta á Consellería de Medio Rural a cobrar aos propietarios infractores os gastos de extinción, no caso de que se produza un lume.
O Bando, que leva por título "Non máis lumes" , explica a nova regulación das faixas, nas que quedan prohibidas as especies pirófitas (eucaliptos, piñeiros e acacias, fundamentalmente) nun radio de 30 metros, mentres que o resto das árbores deben estar separadas 7 metros. Nos seguintes 20 metros non pode haber maleza, pero se admiten todo tipo de árbores sempre que se respecten os 7 metros de separación.
A normativa galega tamén afecta ás estradas e camiños, pois queda prohibida a maleza e as árbores perigosas nunha marxe de dous metros a cada lado.
Relacionadas:
-
Ilustradores galegos alíanse co colexio da Reigosa para loitar contra os efectos dos incendios
Por Redacción |
-
As fincas de Cerdedo-Cotobade terán que estar limpas e rozadas antes de xuño
Por Redacción |
-
O Goberno destina 1,5 millóns á restauración de áreas arrasadas polos incendios
Por Redacción |
-
Luís Villares asegura que a contratación da Brilat para vixiar os montes é "absolutamente ineficiente"
Por Oskar Viéitez |