O contrato da auga acumulará "dúas ou tres" semanas máis de atraso
Por Alejandro Espiño
Dous ou tres semanas. É o tempo que tardará en reunirse de novo a mesa de contratación da auga. O atraso débese a que, tal e como se avanzou o pasado luns, dúas empresas puideron incorrer en baixa temeraria: Viaqua, actual adxudicataria, e Facsa.
O edil de Facenda, Raimundo González, explicou que para estas dúas empresas a lei obriga dar un prazo de cinco días hábiles para que xustifique a proposta presentada, de modo que a súa exclusión non é automática.
Ademais, o informe técnico cuestionou as ofertas presentadas por Aqualia e Espina y Delfín, xa que non inclúen na súa oferta unha serie de melloras que se consideraban como obrigatorias no prego de condicións.
O PSOE tentou, sen éxito, que estas dúas empresas fosen excluídas do concurso ao incumprir os pregos. Raimundo González explicou que os técnicos municipais opinan o contrario, aínda que avanzou que esta cuestión penalizará a ambas as compañías.
O novo contrato da auga está deseñado, lembrou o edil nacionalista, para garantir que se complete a rede de saneamento do rural de Pontevedra e se avance no sistema de abastecemento de auga, xa que o prego de condicións expón investimentos a asumir polas empresas por un valor máximo de 58,2 millóns.
O grupo socialista e a concelleira de Cidadáns votaron en contra do informe que foi aprobado cos votos dos catro técnicos municipais e do responsable de contratación, o propio Raimundo González. Marea Pontevedra non asistiu á reunión e o portavoz do PP chegou tarde, cando xa se votou, polo que a efectos legais figura a súa non asistencia.
A mesa de contratación volverá ser convocada cando os técnicos estuden a documentación complementaria que acheguen as empresas.
Relacionadas:
-
O Tribunal Administrativo dá o visto bo á adxudicación a Viaqua da concesión da auga en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra adxudicará a Viaqua o contrato da auga para os próximos 20 anos
Por Oskar Viéitez |
-
O informe técnico cuestiona catro das dez ofertas presentadas ao concurso da auga
Por Alejandro Espiño |