O Concello repara unha canalización estragada e tamén volve erguer un muro en Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de rematar dúas pequenas obras nos lugares da Feira (Forzáns) e Caldelas de Arriba, onde a veciñanza viña padecendo os problemas derivados da falta de mantemento dos últimos anos.
En Forzáns, moi preto do petróglifo da Laxe do Barón, a brigada municipal de obras substituíu unha canle de augas pluviais, que estaba rota por varios sitios e provocaba asolagamentos na contorna dunha vivenda.
Foi preciso levantar toda a estrutura, a pesar de que foi instalada hai só catro anos, e prolongar a canalización para darlle unha lonxitude próxima aos 50 metros, ata unha leira, onde se deu saída natural ás augas que baixan pola pendente do terreo.
Ao longo dos tres anos que van deste mandato téñense realizado numerosas actuacións deste tipo, pois a falta de canalización das augas pluviais é un problema frecuente na práctica totalidade dos núcleos de poboación de Ponte Caldelas.
Por outra parte, o Concello vén de rematar a reposición dun muro en Caldelas de Arriba. A caída da antiga estrutura estaba a prexudicar á horta dun veciño. Co novo muro, ben reforzado, a situación quedou completamente corrixida.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou ambas obras e destacou a importancia destas pequenas actuacións.
"Os concellos rurais debemos estar atentos ás pequenas cousas que afectan directamente á calidade de vida da xente", afirmou, "e sempre pedindo algo de comprensión e paciencia, pois non se pode facer todo á vez, hai que ir atendendo as peticións xustas".