Zafarrancho "integral" en Pontevedra para mellorar o pavimento das súas rúas
Por Alejandro Espiño
Tras un inverno "duro", que empeorou o estado no que se atopa o pavimento en moitas rúas da cidade, o goberno municipal decidiu poñer en marcha un "zafarrancho integral" de reparacións. Así o cualificou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, cuxo obxectivo é que estas zonas volvan estar en " boas condicións".
As rúas "sufriron moito", segundo o edil, por unhas choivas "por riba do normal e moi concentradas". Esta deterioración no espazo público é "observable" e foi alertado tanto polos servizos técnicos municipais como polos propios cidadáns, que presentaron 110 avisos a través da páxina web do Concello.
Os maiores danos en lousas, baldosas, lastras ou pedras detectáronse nos espazos peonís da cidade. Os traballos de reparación comezaron en Rosalía de Castro e Eduardo Pondal e "intensificaranse" a partir de agora en toda a cidade.
Demetrio Gómez explicou que a participación dos veciños á hora de alertar ao Concello deste tipo de incidencias é "digna de admiración e agradecemento", porque "facilitan" o traballo dos servizos municipais.
A este respecto, pediulles "paciencia" porque o Concello fará un "esforzo moi grande" para atender todas estas alertas "pero vainos levar un tempo".
Estas reparacións faranse con cargo ao contrato de mantemento de espazos urbanos e, a partir de aí no caso de que sexa necesario, asumirase con cargo ás propias arcas municipais.
"Para nós é importantísimo que o espazo público estea en moi boas condicións", sinalou o responsable de Obras, que explicou que non hai ningunha zona que estea "especialmente moi mal", senón que estes danos repártense por toda a cidade.