"Comer si, tirar non", nova campaña de Sogama para facer fronte ao desperdicio alimentario
Por Redacción
No marco do Día Internacional da Reciclaxe, que se celebrará o próximo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, SOGAMA, co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, lanza unha campaña "Comer si, tirar non", a través da cal pretende axudar aos cidadáns a reducir o desperdicio alimentario nos fogares.
A iniciativa, que estará en vigor durante todo este mes, aglutina distintos soportes didácticos e divulgativos cos que se pretende informar, formar e concienciar á poboación en torno á necesidade de diminuír a cantidade de comida que cada día acaba arroxada ao cubo do lixo.
Neste marco, e en sintonía coa pretensión do Parlamento Europeo de reducir nun 30% o desperdicio de alimentos no ano 2025 e nun 50% en 2030, a Sociedade Galega do Medio Ambiente editou unha guía, en soporte dixital, que remitirá aos concellos galegos, así como aos grupos de interese (asociacións, centros educativos e colectivos sociais) para dar a coñecer un problema con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e mesmo morais.
A campaña nútrese con seis microvídeos, unha cuña radiofónica e un xogo en liña para escolares titulado "Nesta casa non se tira nada", a través do cal os pequenos aprenden a dar unha saída eficiente aos distintos tipos de alimentos en función das súas características, evitando en todo momento que se convertan en residuos.
UN TERZO DOS ALIMENTOS ACABAN DESPERDICIADOS
Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano (en torno a 1.300 millóns de toneladas anuais) acaban desperdiciados, unha cantidade coa que se podería nutrir a 2.000 millóns de persoas. A nivel europeo, pérdense anualmente 89 millóns de toneladas de alimentos, ou, o que é o mesmo, 179 quilos por habitante, circunstancia que provoca a emisión de 170 millóns de toneladas de CO2 e o uso de 26 millóns de toneladas de recursos. Os expertos apuntan a que, se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro maior emisor de GEI (Gases de Efecto Invernadoiro), logo de Estados Unidos e China.
España é o sétimo Estado da UE que máis comida desperdicia, con 7,7 millóns de toneladas, contribuíndo os fogares a este fenómeno cun 42%. Nestes, o 80% dos comestibles refugados, tíranse ao lixo tal e como se compraron e o 20% tralo seu procesado, é dicir, son sobras. De todos os comestibles que se tiran, o 48,1% están conformados por verduras, froitas e pan fresco.
RESPONSABILIDADE E MÁXIMO APROVEITAMENTO
Con sinxelos xestos pódese reverter esta situación. SOGAMA aconsella elaborar un menú semanal e unha lista da compra que se supedite ao mesmo, debendo comprobarse ao mesmo tempo o estado da despensa e a neveira a fin de reordenar os produtos para consumir primeiro aqueles con maior risco a perderse.
Neste sentido, é importante distinguir entre data de caducidade (momento a partir do cal o alimento pode presentar problemas de seguridade alimentaria e risco para a saúde) e data de consumo preferente (momento a partir do cal o alimento pode perder cualidades –textura, sabor, cheiro-, pero non supón unha ameaza para a saúde).
Dar preferencia aos produtos locais e de tempada sempre é unha boa opción coa que, ademais, se contribúe a crear emprego local e a diminuír as emisións de CO2 derivadas do transporte. Tamén o é ter en conta que os alimentos "feos" alimentan igual que os "guapos". Refugar os primeiros por razóns estéticas supón un dispendio inxustificado de recursos.
Axustar as racións ao número de comensais constitúe un criterio que non debe esquecerse. Acabouse o tradicional dito de "máis vale que sobre a que falte". E, se aínda así quedan restos de comida, as alternativas son múltiples: conxelar as sobras, aproveitalas para elaborar novos menús ou repartilas entre os invitados.
A solidariedade debe impoñerse en todo momento e a doazón de alimentos en bo estado constitúe unha práctica a incorporar aos nosos hábitos. E cando as citas gastronómicas teñen lugar en restaurantes, non debemos avergoñarnos ao pedir as nosas racións sobrantes, que por outra banda pagamos.
Para os restos orgánicos non comestibles, a compostaxe doméstica constitúe unha boa alternativa no caso de vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o abono natural resultante, con extraordinarias propiedades fertilizantes.
Todos os materiais didácticos e divulgativos desta campaña están a disposición dos cidadáns na páxina web da entidade www.sogama.gal.
Neste escenario, a empresa recorda que a comida é un ben valioso que non está ao alcance de todo o mundo, sendo nosa obriga respectala, conservala e compartila, pero nunca tirala.
Relacionadas:
-
Medio Ambiente sinala que Sogama situarase en 2019 á cabeza das infraestruturas industriais de tratamento de residuos
Por Noticia patrocinada |
-
Un concurso de fotografía para enxalzar a riqueza natural e paisaxística de Galicia
Por Redacción |
-
Escolares do CEIP de Lourido e o SEK visitan as instalacións de Sogama
Por Redacción |
-
Os alumnos da Escola de Enxeñería Forestal coñecen o proxecto de ampliación de Sogama
Por Redacción |