UGT e CC.OO. reivindican neste primeiro de maio: "É tempo de gañar dereitos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os sindicatos UGT e Comisións Obreiras (CC.OO.) xuntáronse este primeiro de maio nunha manifestación conxunta polas rúas de Pontevedra para conmemorar o Día Internacional do Traballo na que consensuaron un manifesto conxunto para animar á clase traballadora a participar na "loita contra a crecente precariedade e desigualdade laboral, agravadas polos anos de crise económica, polas reformas laborais e polas políticas de austeridade impostas".
"Desde os sindicatos, o que plantexamos é que é tempo de gañar dereitos", reivindicou o ex secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, que considera que debe darse un paso máis para superar "os tempos onde houbo toda unha serie de recortes, onde houbo que apretarse o cinto, onde houbo unha situación de devaluación xeralizada de salarios, de perdas de postos de traballo", pois a economía está a medrar e, con ela, deben subir os salarios dos traballadores.
"O que non pode ser é que sempre se aplique unha política de contenciónn cando hai crise e cando a economía vai ben", critica e anuncia que o seu sindicato toma este primeiro de maio como punto de partida da mobilización e "se non hai un cambio substancial na posición da patronal e tamén na posición dos gobernos, o que vai a acontecer nos próximos meses é que imos ir a unha situación de movilización xeral".
O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, insiste en que os motivos para saír á rúa este primeiro de maio "son amplos e variados" e "un ano máis temos que seguir na loita por unha reforma laboral que o único que está facendo é retrotraendo deritos e xerando cada vez máis diferencias entre traballadores".
Vidal criticou que a brecha salarial cada vez é maior e as razóns que usou o goberno para impoñer as circunstancias nas que estamos, xa non se dan, pois xa van máis de catro anos con beneficios empresariais e "os beneficios non repercuten nos traballadores".
Ante tal situación, "o que nos queda é saír a rúa, protestar e convidar a todos os traballadores a que se manifesten para revertir" esta situación. De feito, ao igual que García Pedrosa, considera que se está a producir un "rexurdir" das mobilizacións na rúa.
Nin un nin o outro sindicato descartan unha convocatoria de folga xeral como a que promove a CIG para o 19 de xuño, pero matizan que a folga xeral ten que ser "algo que sexa asumido por un amplo sector dos traballadores e da cidadanía".
Ás manifestacións sumáronse, ademais, colectivos de xubilados e axentes da Policía Local de Pontevedra, que manteñen desde hai semanas un conflito laboral co Concello.