"Chegou o mes de maio, ven connosco a cantar"
Por Redacción
"Hoxe aquí en Ponte Sampaio / imos todos celebrar / que chegou o mes de maio/ ven connosco a cantar". Así arrinca unha das coplas coas que o CEIP de Ponte Sampaio festexou este luns a festa dos maios, na que se contou coa colaboración de toda a comunidade educativa.
Nos días anteriores, o profesorado do centro educativo trasladou ao alumnado en que consiste esta celebración, cal é a súa orixe e o seu significado e, logo de que coñeceran que é unha festa popular de orixes ancestrais, toda a comunidade educativa procedeu a elaborar o seu maio e as súas coplas.
As familias colaboraron achegando fiúncho, flores, ovos e todo o material necesario e este luns foi o día grande, no que decoraron o seu maio e cantaron as súas coplas arredor do maio. Cada curso preparou as súas propias coplas e logo cantáronas todos xuntos.
Este é o primeiro ano que o CEIP de Ponte Sampaio celebra esta festa, pero xa adiantaron que de seguro que non será a única porque consideran que foi unha experiencia moi enriquecedora para todo o alumnado.
Outras das coplas que elaborou o alumnado son, segundo facilitou o equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro:
Temos unha xoaniña
Ela viunos a contar
Que a natureza está enferma
E a temos que coidar.
Os incendios deste ano
Aínda se están a sufrir
Non escoito os paxariños
Que piaban por aí