Comeza a mellora da estrada de San Vicente do Grove
Por Redacción
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai iniciar este mércores as obras de mellora da estrada provincial de San Vicente de O Grove.
Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a intención é apurar os traballos o máximo posible para deixar a maior parte da actuación feita antes do verán, cando parará a actividade para facilitar o tránsito ás persoas usuarias da vía camiño das praias.
Unha vez rematada a tempada estival retomarase a obra ata a súa finalización.
Covsa, a empresa adxudicataria desta actuación integral de seguridade viaria e mobilidade sostible na EP-9106 dende a EP-9101 ata a igrexa de San Vicente, comezará a actuación co movemento de muros e marcos, para integrar os terreos cedidos pola veciñanza e ampliar a sección da vía. Seguirá despois coa instalación das tubaxes de pluviais na área da senda peonil.