Os socialistas da provincia presentan 77 emendas aos orzamentos do Estado
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez
Os socialistas da provincia presentan 77 emendas aos orzamentos do Estado por case cen millóns de euros en inversións que consideran "prioritarias" para Pontevedra e, sobre todo, manter o estado de benestar e a creación de emprego na provincia.
Nunha rolda de prensa celebrada este luns os deputados do PSdeG-PSOE Guillermo Meijón e Lola Galovart e o Secretario xeral provincial, David Regades, presentaron estas emendas que están comprendidas en varios grupos no que destacan as infraestruturas ferroviarias con 17 millóns de euros; as infraestruturas viarias con 41 millóns; a seguridade vial con máis de 12 millóns; as actuacións en medio ambiente con máis de sete millóns; a cultura e o patrimonio con 9,7 millóns e un grupo final de varias emendas por valor de 7,3 millóns de euros.
Meijón resumiu que segundo se desprende do ocorrido en todos os orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy para Galicia, "a mellor emenda seguirá sendo: que executen o orzamentado" xa que, segundo asegurou, no últimos catro anos, deixou sen executar dous mil millóns de euros que figuraban nos Orzamentos Xerais do Estado como investimento para esta comunidade.
David Regades subliñou que a inversión do Estado por habitante na provincia é a máis baixa de Galicia ao ser só de 169 euros fronte a media da comunidade autónoma de 345 euros e a nacional que ascende a 217 euros.
O secretario xeral provincial recordou que cando o goberno do Partido Socialista presentaba orzamentos do Estado as inversións superaban os 600 millóns de euros fronte aos 160 millóns de euros que adica o PP agora á provincia de Pontevedra.
OITO MIL MILLÓNS DE EUROS
A modernización da industria, o emprego e o mantemento do estado do benestar, son os pilares das epropostas dos socialistas que precisarían dun aporte de oito mil millóns de euros.
Segundo Regades, serían afrontados cuns impostos máis acordes para que os que máis teñen paguen máis, coa loita contra a fraude, coa equiparación renda do traballo e renda do capital, con tributacion ambiental e con aforro e eficiencia do gasto público.
David Regades citou ao presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda, para "que corra menos co Señor Rajoy e que se dedique máis a sentarse na mesa" a reclamar inversións para Pontevedra.
"Temos paralizadas as autovías, o ave, os portos, en resumen todas as grandes infraestruturas da provincia e o PP non din nada", subliñou o secretario xeral.