O sol e a calor instalaranse nas Rías Baixas a vindeira fin de semana
Por Redacción
Este luns, último día de abril, manterase a influencia das baixas presións, con aire frío nas capas altas de atmosfera. Rexistraranse intervalos nubrados, con chuvascos ocasionais acompañados de saraiba. As temperaturas mínimas atópanse ao redor de 7 graos mentres que as máximas situaranse sobre os 16. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable a primeiras horas e ao longo do día serán moderados de compoñente norte.
Durante este martes 1 de maio, as Rías Baixas quedarán baixo a influencia das altas presións de maneira transitoria. O ceo atoparase despexado ata o mediodía, que comezarán a alternarse nubes e claros. As temperaturas mínimas chegarán a descender ata os 4 graos mentres que as máximas manteranse sen cambios. O vento soprará frouxo variable ao principio, de compoñente oeste pola tarde, cambiando a sur durante a noite.
O mércores unha fronte fría rozará Galicia durante toda a xornada. O ceo manterase nubrado con precipitacións débiles. A oscilación térmica será escasa, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia. Os ventos soprarán moderados do sur ao principio da xornada, para ir cambiando progresivamente ao compoñente norte.
A xornada do xoves será de transición cara ás altas presións que se establecerán con forza durante o fin de semana. Este día manterase nubrado sen precipitacións pero as temperaturas comezarán a ascender. Xa a partir do venres consolidarase o tempo caloroso con tempo seco, asollado e con temperaturas que alcanzarán os 25 graos durante a tarde. Esta situación permanecerá durante toda a fin de semana.