Sanxenxo denunciará por desobediencia ao propietario dunha nave precintada pola Policía Local
Por Oskar Viéitez
O goberno local vén de anunciar que denunciará por desobediencia ao propietario dunha nave precintada pola Policía Local.
Os axentes municipais comprobaron este xoves que dous dos tres precintos que se colocaron o mércores na nave de Granitos Graremi, un serradoiro de pedra do parque empresarial de Nantes, foran quitados. Os axentes procederon á colocación de novos precintos.
Trátase do serradoiro de pedra ao que xa en febreiro do ano pasado xa lle fora clausurada a actividade.
A día de hoxe o Concello dispón de imaxes e vídeos nos que se comproba que a nave segue tendo actividade, polo que o Concello, tendo en conta o incumprimento da orde de clausura da actividade, tomou a decisión de precintar o serradoiro e así se fixo o mércores 25 de abril.
Unha vez que a Policía comprobou que se quitaran dous dos tres precintos, o goberno decidiu denunciar os feitos no xulgado. Por iso os servizos xurídicos do Concello están a solicitar toda a documentación relacionada co expediente da orde de clausura da actividade, as distintas verteduras e o precinto para presentar unha denuncia no xulgado de instrución por un delito de desobediencia grave á administración.
O goberno entende que "estamos ante feitos moi graves e que o propietario lonxe de colaborar está a ter unha actitude desafiante" polo que se decidiu poñer os feitos en coñecemento do xulgado.