Bueu súmase ao Día da Terra
Por Redacción
O Concello de Bueu está organizando diversas actividades para conmemorar o Día da Terra, que se celebrou o pasado 22 de abril. A actividade central desta efeméride será a convocatoria dun concurso de carteis dirixido aos centros educativos de secundaria da vila.
O prazo de presentación está aberto ata o 14 de maio. O gañador farase cun premio de 100 euros, segundo informou o concelleiro de medio ambiente de Bueu, Adrián Ferrer.
Os actos centrais terán lugar a vindeira fin de semana, cando está programada a realización dunha alfombra a cargo da Asociación de Alfombras de Bueu con temática ambiental e baixo un deseño do artista bueués Marc Taeger, que se poderá ver o 27 e 28 de abril na Sala Domínguez Búa.
Os máis novos serán protagonistas dos obradoiros ambientais que se celebrarán no segundo andar do centro social do Mar o sábado 28, e que tratarán sobre pintura decorativa en follas de árbores (de 18.00 a 19.00 horas) e tamén de arte e reciclaxe na natureza (de 19.00 a 20.00 horas). Ese mesmo día, a Praza Massó acolle ás 11 da mañá unha gincana deportiva.
Co obxectivo de sensibilizar ao alumnado de primaria dos centros educativos, un axente de conservación da natureza está levando a cabo diversas charlas para informar do traballo diario, dos incendios e da recuperación de flores silvestres.