Vicente Romo repite como decano de Ciencias da Educación e do Deporte
Por Redacción
Tres anos máis seguirá Vicente Romo como decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra. O profesor do Departamento de Didácticas Especiais recibiu o apoio do 72% dos integrantes da Xunta de Facultade presentes na votación celebrada este xoves.
Con 39 votos a favor, 14 en contra e un branco, Romo, que permanece á fronte da dirección desta facultade desde maio de 2015, estará acompañado neste mandato por tres integrantes do anterior equipo, Esther Martínez, Ezequiel Rey e Uxío Pérez. Incorpóranse ao equipo a profesora Mercedes Varela e o docente Óscar García.
O reelixido decano lembrou que no anterior mandato cumpríronse con dúas das "liñas estratéxicas" no ámbito académico, superar "con éxito a acreditación de todas as titulacións", o que, destacou, "conseguiuse co esforzo de todos" e a aprobación dun máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria.
Partindo de aí, sinalou como o "seguinte paso que debemos dar", a consecución do certificado Fides-Audit, que avalía a implantación do sistema de garantía interno de calidade, un obxectivo que ve "factible".
No relativo á investigación, transferencia e innovación, Romo salientou que a Revista de Investigación en Educación, que coordina o profesor Alberto Pazo, conseguiu nestes últimos tres anos "situarse entre as revistas emerxentes" no índice ESCI de Thompson Reuters, polo que "o noso obxectivo debe ser situala nos niveis máximos de calidade".
Así mesmo, Romo propuxo tamén impulsar unha publicación anual coa que dar difusión aos proxectos de innovación educativa que, a través dunha convocatoria competitiva, se promoven cada ano no centro e que "constitúen un sinal de identidade da nosa facultade".
Así mesmo, defendeu a necesidade de apoiar a realización de actividades de investigación e innovación educativa promovidas por profesorado e alumnado, así como das realizadas como parte da Rede de Escolas Unesco.
Por outra banda, tamén incidiu na necesidade de "incrementar a participación" tanto de alumnado como de persoal docente e investigador e de administración e servizos no programa Erasmus+, así como en fomentar a participación do profesorado "en estadías de longa duración de carácter competitivo", como as bolsas Fullbright ou Salvador de Madariaga.
Do mesmo xeito, entre as súas propostas figuraba tamén o fomento da organización de cursos, seminarios ou talleres dirixidos a desenvolver as competencias de emprego e emprendemento, así como a implantación dun plan de mentorización para o alumnado.
No relativo ás propias instalacións do centro, Romo lembrou a construción dun ximnasio como "unha reivindicación histórica, á que non renunciamos", ao tempo que anunciou o seu propósito de mudar o emprazamento "inadecuado" das máquinas de musculación, así como completar este equipamento.
Por outra banda, destacou que "continuarase apostando por melloras as condicións de habitabilidade do edificio", co "obxectivo a longo prazo" de climatizar aulas e despachos. Neste último ámbito, o decano trasladou tamén unha idea "ambiciosa pero non imposible", a instalación da cuberta de placas fotovoltaicas.