Cidadáns esixe un novo regulamento para a Policía Local
Por Redacción
Instar o goberno municipal a actualizar o regulamento da Policía Local, que data de 1991, ou a elaborar unha nova normativa de funcionamento para este corpo. É o que pedirá Cidadáns a través dunha moción plenaria.
María Rey destaca que "este debe de ser o primeiro paso para a equiparación salarial destes axentes cos das principais cidades galegas".
A edil de Cidadáns subliña que este regulamento ten xa preto de trinta anos "e non está adaptado ás funcións que desenvolve actualmente a Policía Local nin ás ferramentas empregadas, especialmente as novas tecnoloxías".
Tampouco está adaptado aos cambios normativos introducidos nun decreto legal que data de 2008, a pesar de que "desde entón o grupo de goberno tivo tempo dabondo para actualizar o regulamento".
A concelleira destacou que a Policía Local "debe de ter un regulamento que o ampare axustado ao século XXI, non pode estar regulada por ordenanzas do século pasado".