O campus celebra o Día das Redes Galegas
Por Redacción
O Campus de Pontevedra celebra este mércores, por cuarto ano consecutivo, a xornada Día das Redes Galegas.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu ao salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para inaugurar un encontro que busca analizar o papel das redes sociais no século XXI e poñer en valor a figura dos responsables de comunidades virtuais a través da experiencia de profesionais formados na propia facultade.
García Gómez incidiu na importancia que ten "a presenza do galego nas redes sociais" para o futuro do idioma propio de Galicia e animou o estudantado presente a "convertervos en dinamizadores da lingua desde elas aproveitando o potencial que estas teñen e a formación que vós estades recibindo".
Na apertura do encontro interviñeron tamén Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do Campus de Pontevedra en funcións; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística; e Xavier Martínez Rolán, director da xornada.
Algúns titulados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación participaron como relatores nesta xornada centrada na figura dos community managers.
Iniciou as intervencións Lucía Gómez, actual directora de marketing de contidos e medios sociais de Elogia, unha profesional cunha dilatada experiencia na xestión de redes sociais que traballa nunha das empresas máis punteiras do Estado. Tamén participaron, Cristina García,responsable de comunicación e marketing dixital de Esmerarte Industrias Creativas, especialista en redes sociais e en comunicación de eventos musicais e Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos como foi a última edición de Operación Triunfo.
A técnica da Área de Normalización Lingüística, Cristina Rodríguez, abordou a experiencia de Youtubeir@s, un proxecto dirixido a darlle visibilidade ao uso do galego a través dun concurso nesta rede social.
A xornada completarase cun coloquio moderado polo profesor Alberto Dafonte.