Os populares cren que o BNG busca "cómplices" para "compartir o fracaso" do plan de compostaxe
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular considera que o BNG busca "cómplices" cando propón á Xunta a apertura dun proceso de diálogo coa Deputación de Pontevedra para estudar a posibilidade de colaborar no desenvolvemento do Plan Revitaliza e amplialo ao resto do territorio galego.
"O que están a buscar son cómplices para que non se poida criticar esobretodo para compartir ese fracaso", dixo este mércores en rolda de prensa o portavoz do PP provincial, Ángel Moldes.
Os populares insisten en que o Plan Revitaliza, o proxecto de compostaxe da Deputación de Pontevedra, é un "fracaso", á luz dos datos ofrecidos por Sogama respecto ao incremento das toneladas de residuos que remitiron os concellos desta provincia durante o período 2015-2017.
"Agora teñen un problema grande porque estes datos están aí", dixo Moldes. As cifras de Sogama sinalan que en toda Galicia produciuse un incremento do 1,5%, unhas 12.000 toneladas, de residuos sólidos urbanos que se trasladan á planta de Cerceda para o seu tratamento.
No caso concreto da provincia de Pontevedra, o estudo feito entre os anos 2015 e 2017, de aplicación do Plan Revitaliza, sinala que "mentres a poboación na provincia de Pontevedra baixou un 0,5% o envío de residuos a Sogama dos concellos que a integran aumentou un 2,6%", unhas 9.000 toneladas máis, o que supón un "fracaso" do Plan Revitaliza.
"Iso está claro que o teñen que comer eles soíños" apuntou Moldes "o Partido Popular non pode ser cómplice dun fracaso", insistiu.
O coñecido como Plan Revitaliza ten o obxectivo de que no 2020 a compostaxe sexa o modelo predominante na provincia en canto a tratamento dos residuos orgánicos. Para lograr ese obxectivo, o portavoz do PP provincial, afirmou que a Deputación leva investidos neste "proxecto estrela" máis de cinco millóns de euros.
O Partido Popular criticou que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, estea "totalmente calada" neste asunto e danlle un "tempo prudencial" para que ofreza explicacións, antes de esixirllas "por outros métodos legais" vía comisión ou mesmo nun pleno extraordinario.
Relacionadas:
-
Todos de acordo, foi un pleno innecesario
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Máis de 150 persoas optan aos catro empregos que ofrece Pontevedra coa compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
O PP forza un pleno extraordinario para "paralizar" o plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá una campaña informativa "masiva" para resolver dúbidas sobre a compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG pediralle á Xunta que colabore coa Deputación nos seus plans de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O PP critica o "fracaso estrepitoso" do plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez |