A negociación colectiva atáscase entre o Concello e os seus funcionarios
Por Alejandro Espiño
Avecíñase tormenta sindical no Concello de Pontevedra. A negociación da relación de postos de traballo (RPT) parece estar enquistada entre o goberno municipal e os sindicatos que representan aos traballadores da administración local.
O principal desacordo, segundo apuntan diversas fontes, prodúcese na Policía Local.
O edil de Persoal, Vicente Legísima, explicou que o Concello ofrece un aumento de case o 8% no capítulo 1 do orzamento municipal, é dicir, o relativo ao persoal municipal. Iso supoñería uns 1,8 millóns de euros adicionais, entre o aumento salarial directo dos funcionarios e as súas cotizacións á Seguridade Social.
A esta subida de soldo, que supoñería unha media do 5% para todos os funcionarios, engadiu Legísima, habería que sumar o 1,5% que aprobou o Goberno central cos sindicatos e que é de obrigado cumprimento para todos os concellos.
O incremento sería maior na Policía Local, da que dependen 125 dos preto de 500 funcionarios e traballadores da administración municipal.
O responsable de Persoal recoñece que son os funcionarios policiais os que están a mostrar un maior descontento coa última oferta realizada polo goberno.
Legísima explicou que o Concello subirá de nivel aos membros da Policía Local, en cumprimento da lexislación vixente, o que lles supoñerá 640 euros máis de retribución anual. Ademais, ofréceselles un aumento adicional de 1.700 euros ao ano no complemento específico. A subida, por tanto, rozaría os 2.400 euros anuais.
Os funcionarios municipais celebrarán unha asemblea o vindeiro venres e, segundo avanzou o concelleiro nacionalista, o mércores 2 de maio un grupo de traballo tratará de avanzar cara un acordo que evita un futuro conflito.
Relacionadas:
-
O Concello sobe a nómina de todos os funcionarios un 1,5%
Por Redacción |
-
Catorce policías "enferman" ao mesmo tempo en medio do conflito laboral co Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A asemblea da Policía Local pide a dimisión do concelleiro Vicente Legísima
-
Marea Pontevedra quere que o Concello reactive a negociacion da RPT
Por Oskar Viéitez |