Descende a 812 o número de veciños estranxeiros en Marín
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Benestar Social e o departamento de Servizos Sociais do Concello de Marín informaron do descenso no número de veciños inmigrantes, tanto comunitarios como non comunitarios.
Segundo reflicte o padrón de habitantes, nos últimos meses, Marín pasou dos 836 inmigrantes censados en outubro de 2017 aos 812 actuais.
A multiculturalidad de Marín compróbase nos 62 países distintos dos que proceden os inmigrantes que residen nesta vila e que a converten nunha auténtica torre de Babel.
De entre todas estas nacionalidades, destacan en número os súbditos de Ghana, cun total de 195 persoas empadroadas en Marín. Séguelle Marrocos con 187 veciños.
A Concellería de Benestar social, xunto co departamento de Servizos Sociais, son os responsables da atención e asesoramento a estas persoas. Entre as iniciativas que levan a cabo, cabe destacar as acción formativas de reforzo e apoio educativo e as de aprendizaxe da lingua española.
Como curiosidade, estes 62 países con cidadáns residindo en Marín son Alemaña, Alxeria, Arxentina, Armenia, Bélxica, Bolivia, Bosnia- Herzegovina, Brasil, Bulgaria, Burkina Fasso, Camerún, Canadá, Chile, China, Colombia, Cuba, Dinamarca, Ecuador, EE UU, Francia, Gambia, Grecia, Guatemala, Guinea, Ghinea Ecuatorial, Honduras, India, Indonesia, Irlanda, Italia, Xapón, Liberia, Mali, Mauritania, México, Namibia, Nicaragua, Nixeria, Países Baixos, Paquistán, Panamá, Paraguai, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Dominicana, Romanía, Rusia, Senegal, Serra Leona, Sudáfrica, Suíza, Tailandia, Tanzania, Togo, Turquía, Uruguai e Venezuela.