Denuncia que lle negan a tarxeta para aparcar en prazas para persoas con discapacidade malia carecer dun brazo
Por Anxo Lourido
Benigno Meijoeiro Abilleira é coñecido como "Beni, o do Quiosco". Leva décadas rexentando este punto de venda nas galerías do Mercado de Abastos de Pontevedra. Hai máis de 30 anos perdía o brazo esquerdo nun accidente. Mercou un vehículo adaptado en 2008 e, en dúas ocasións, solicitou o cartón para poder aparcar nas prazas para persoas con discapacidade.
En ambas as ocasións rexeitaron a súa petición a pesar de que Benigno conta cun recoñecemento de discapacidade desde 1991 por amputación do membro superior esquerdo a nivel 1/3 distal do húmero, tal e como recolle o informe da Seguridade Social.
A discapacidade recoñecida a este empresario supera o 52%. Por este motivo non entende cales son as razóns que lle levan a sufrir esta discriminación. Benigno afirma que ten dúas prazas para persoas con discapacidade preto do seu quiosco e, con todo, non pode aparcar nelas ante a falta de concesión da tarxeta municipal. Vese obrigado a aparcar, en ocasións, alén do río e portar con grandes paquetes ata o seu local comercial.
Este pontevedrés de 53 anos está sorprendido porque ninguén lle explica as razóns polas que lle negan esta autorización para aparcar nestas prazas. Afirma mesmo que nunha entrevista cunha asistenta social para tratar o tema indicoulle que debería "dar grazas a Deus porque polo menos podía andar".
Sinala que nos próximos días volverá recompilar toda a documentación necesaria para reiterar a súa solicitude ao Concello de Pontevedra co obxectivo de que á terceira vaia a vencida e, ao fin, lle permitan aparcar co seu vehículo adaptado nas prazas para persoas con mobilidade reducida.
Benigno Meijoeiro é un home moi coñecido e estimado no centro histórico. En febreiro de 2016 foi vítima dunha brutal agresión por un motorista ás portas do seu quiosco.