A APDR renderá homenaxe a todas as persoas que colaboraron nos seus 30 anos de loita ambiental
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) continuará durante o mes de maio cos actos xa iniciados a principios deste ano 2018 para celebrar os seus 30 anos de loita en defensa do medio e farao cun acto que segue unha filosofía pouco habitual nos eventos do colectivo, unha cita na que combinan o carácter festivo, reivindicativo e divulgativo e levará ao escenario históricos da asociación e colaboradores da loita de sectores tan variados como a poesía ou a música.
O acto, bautizado como '30 anos de loita na defensa do medio', está previsto para as 20.00 horas do próximo 12 de maio no Teatro Principal de Pontevedra e presentarano a actriz Mónica Camaño e o xornalista Xabier Fortes.
A APDR expuxo o acto como un repaso polos 30 anos da asociación, pero tamén cun enfoque máis xeral destas tres décadas en defensa do medio na comarca de Pontevedra e como un "recoñecemento á loita" de todas as persoas que colaboraron na historia deste colectivo desde a súa legalización en 1988.
Sobre o escenario farase un percorrido centrado en catro fases distintas da APDR: o seu nacemento e os anos centrados na loita en materia urbanística; o xuízo contra ENCE e a súa condena por delito ambiental; a limpeza das praias tras a catástrofe do Prestige; e a última etapa tras a concesión ao colectivo do Premio Cidade de Pontevedra ata o momento actual.
"Queremos que o acto sexa unha homenaxe a todas as persoas que participaron" na loita e tamén aos máis de 500 socios do colectivo e a todos os cidadáns que os acompañan nos actos públicos e reivindicativos que organizan.
O presidente e a secretaria da APDR, Antón Masa e Antía Marinho, presentaron a actividade este martes querendo manter certas doses de factor sorpresa, de modo que non facilitaron os nomes das persoas que subirán ao escenario. Segundo explicaron, botaron man de persoas de distintos sectores e tiveron que escoller a algúns representativos porque na hora e media que durará o acto non podían participar todos os que merecen o seu recoñecemento.
Sobre o escenario haberá discursos, poemas, cancións e proxectaranse imaxes e pequenos vídeos dunha media de tres minutos de duración, unha programación moi variada coa que confían en encher o Teatro Principal. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforamento e non require inscrición previa, de modo que recomendan acudir con tempo para poder coller sitio.