Denuncian o importante atraso do servizo de valoración da discapacidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A federación de veciños Teucro manifestou a súa preocupación polo funcionamento do servizo de valoración da discapacidade de Pontevedra. Segundo afirman, neste momento este servizo ten un atraso de tres anos na valoración dos usuarios pendentes de cualificación, o que supón uns 4.500 expedientes sen tramitar, e a día de hoxe estanse citando a persoas que solicitaron a súa valoración no verán 2015.
A discapacidade só conta nestes momentos en Pontevedra con tres equipos de valoración, compostos cada un por un médico, un traballador social e un psicólogo a tempo parcial. Para esta federación veciñal "esta dotación non é suficiente e xera desprotección para os usuarios, xa que ocorreu nalgunha ocasión que cando se cita á persoa para a súa valoración xa morreu".
Teucro lembra que por parte da Xunta a solución que se propuxo de maneira temporal no ano 2015 foi a contratación de tres equipos por un período de nove meses, pero sen experiencia, levando un tempo a súa formación por parte do persoal do propio centro, e que lle restaba tempo de consulta, e cando comezaban a valorar de maneira adecuada finalizaron o período de contratación.
Visto que isto non deu resultado, desde o verán de 2017 a Xunta asinou un convenio co Sergas para que os seus médicos a través de informes e sen consulta presencial cos pacientes valoren expedientes, "o cal non esta axilizando a lista de espera polo momento, senón que supón máis atraso xa que o equipo ten que pasar tempo revisando estas valoracións".
Para a Federación Teucro a solución para dar por finalizado este atasco pasa pola contratación con carácter definitivo de, como mínimo, dous equipos completos que adquiran a experiencia e a formación idónea para dar saída a todos os expedientes atrasados, "e non querer facer, de maneira apresurada, nuns meses coa contratación de persoal temporal o que non se fixo en anos por falta de persoal permanente, o cal foi solicitado reiteradamente desde hai anos polos propios equipos de valoración de discapacidade".
Finalmente, desde esta federación, mostran a súa solidariedade coas persoas que sofren este atraso, e esixen á Xunta de Galicia que dote de maneira inmediata dos recursos humanos necesarios para resolver este problema que supón que persoas que teñen dereitos a beneficios pola súa condición de discapacitados non poidan exercelos.