Figueroa estreará en breve un renovado campo da festa con aparcamento anexo
Por Redacción
Recta final para os traballos de acondicionamento do novo campo da festa de Figueroa, actuación que inclúe a construción dunha área de aparcamento. O Concello de Cerdedo-Cotobade inviste nesta obra un total de 140.000 euros.
Esta actuación, incluída no Plan Concellos 2017 e que foi un dos principais investimentos directos dese exercicio, afronta na actualidade a pavimentación, que foi visitada polo presidente municipal, Jorge Cubela, e posteriormente rematará coa instalación de valados.
Os traballos a executar foron bastante completos, xa que incluíron a explanación do recinto existente, a escavación do terraplén e posterior estendido de material e a construción dun muro de contención en cachotería de pedra con dous metros de altura na fronte da parcela e outro muro perimetral de 20 centímetros de ancho e un metro de altura sobre o que se colocará o valado de cobertura plástica verde fixado cuns postes.
Tamén se realizou un cazo en uve ao longo do muro de contención pola parte exterior para a condución de augas a unha arqueta de paso e unha rigola prefabricada en formigón para a recollida de pluviais que desaugarán nun sistema de entubado.
En canto aos traballos que se acometen nestes días, consisten na dotación dunha nova capa de firme con 20 centímetros de macadán como base, unha rega de adherencia e unha derradeira soleira de mestura bituminosa en quente con 6 centímetros de espesor.
Estas tarefas dilatáronse polas choivas dos últimos meses, xa que a humidade existente desbotou a posibilidade de dotar o novo firme, xa que resultado non ía ser axeitado.
Ademais, o campo da festa estará pechado grazas á instalación dunha porta deslizante de aceiro galvanizado que terá 8 metros de lonxitude e 1,5 metros de altura. O sistema de acceso complétase cun zócalo para protexer as rodas, raíl, poste de peche e guía vertical.
Relacionadas:
-
Unha achega de 165.000 euros da Deputación permitirá ampliar o almacén municipal
Por Redacción |
-
Figueroa estrea un aparcadoiro que servirá de campo da festa
Por Redacción |
-
Figueroa loce un renovado campo da festa con aparcadoiro
Por Redacción |
-
Cubela presume da transparencia de Cerdedo-Cotobade na contratación de obras
Por Redacción |