Ponte Caldelas completa a reforma dos parques infantís urbanos con tres novas actuacións
Por Redacción
Un total de 75.000 euros investirá o Concello de Ponte Caldelas na reforma de tres parques infantís situados no centro da vila. Con estas actuacións, complétase a reforma deste tipo de áreas de xogo urbanas.
O ano pasado renovárase o parque infantil central de Ponte Caldelas e agora será a quenda dos parques da praza de Frai Antonio Orge (ao carón da escola infantil), o do paseo Manuel Cordo Boullosa (costa do Bora Río) e o do edificio Sol (detrás do Froiz).
O goberno recalca que son espazos utilizados a diario por moitos nenos e nenas e que merecen unha posta a punto despois de moitos anos. Os parques están sometidos non só a un uso intensivo, senón tamén á acción dos axentes meteorolóxicos e ao estar construídos hai algúns anos non foron executados cos materiais de hoxe, moito máis resistentes.
O parque da praza Frai Antonio Orge está composto por dúas áreas valadas, unha de pavimento elástico de caucho, onde os xogos sofren o deterioro do paso do tempo. O pavimento está cuarteado e levantado. A outra zona é de area.
Unha vez rematadas estas obras contará con pavimento elástico de céspede artificial e contará con varios bambáns novos. O elemento central será un xogo tipo barco con accesos laterais, tobogán, etcétera. Tamén se prevé a reposición da area e a colocación de balancíns de resorte.
O parque do paseo Cordo Boullosa está tamén deteriorado, pero a súa principal eiva é o escaso número de bambáns, insuficientes para cubrir a demanda existente.
As obras prevén o caixeado da zona e subministro de area, colocación dun bambán resorte e instalación de dous multixogos en forma de grandes formigas. Estes elementos terán accesos laterais, rocódromo, rede de corda e tobogán. Ademais, está previsto substituír toda a varanda de madeira perimetral e a colocación de dous bancos resistentes ao sol.
Finalmente, o parque do edificio Sol, que tamén está esgotado na súa vida útil, será obxecto dunha actuación de esponxado da area, subministro dun bambán resorte e dun bambán mixto.
As obras dos parques urbanos están en proceso de licitación e esta semana ábrense os sobres coas ofertas das 17 empresas que se teñen presentado ao concurso, realizado xa no marco da nova Lei de Contratos.
Outros 35.000 euros están destinados á reparación dos trinta parques repartidos polo rural, unha operación que comezou recentemente polo lugar de Silvoso e irá desenvolvéndose paulatinamente por todas as parroquias.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas completa a mellora de todos os parques infantís urbanos
Por Redacción |
-
O parque infantil da Calzada estrea a súa nova imaxe
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas leva reparados unha ducia de parques infantís do rural
Por Redacción |
-
Paradela e Gradín estrean parques infantís renovados
Por Redacción |
-
O Concello repara unha canalización estragada e tamén volve erguer un muro en Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reparará os máis de trinta parques infantís do rural
Por Redacción |
-
50.000 euros para renovar tres parques infantís de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O parque infantil de Ponte Caldelas estrea un columpio adaptado
Por Redacción |