O bo tempo toma posicións nas Rías Baixas... ata finais de semana
Por Redacción
Tras semanas de choiva e unha última semana de tempo cambiante, este domingo o sol volveu ás Rías Baixas e fíxoo para quedar, polo menos ata finais desta semana.
Durante a recta final da fin de semana xa puideron verse imaxes de praias cheas de xente paseando e os máis atrevidos mesmo bañándose. As condicións meteorolóxicas permitirán que se repitan ao longo dos próximos días, aínda que as expectativas de praia truncaranse a partir do venres.
Segundo a predición de Meteogalicia, este luns chega con ceos despexados e temperaturas máis que agradables, con máximas que poderían chegar ata os 27 graos e mínimas que non descenderán dos 13.
As predicións para o resto da semana nas Rías Baixas prevén que sigan os ceos pouco nubrados ou despexados e as temperaturas sexan altas para esta época do ano, con mínimas sen cambios, aínda que as máximas estarán en descenso moderado. O martes agárdanse ata 26 graos, pero o mércores baixará ata os 22 e o xoves ata os 23.
A partir do venres a influencia anticiclónica e o tempo seco e asollado irase perdendo e hai predición de probabilidade de choiva. O sábado e o domingo non se esperan choivas, pero tampouco temperaturas tan elevadas como nestes primeiros días da semana, pois oscilarán entre os 8 e os 19 graos.