Pontevedra liderará a promoción na fachada atlántica da 'Ruta das Kassitérides'
Por Redacción
A Rede Estatal da Ruta dos Fenicios seleccionou á Deputación de Pontevedra para liderar a promoción e difusión na fachada atlántica da denominada 'Ruta das Kassitérides', o camiño desenvolvido polos fenicios para abastecerse de estaño na antigüidade e que podería non estar localizado nas illas británicas (como se pensaba ata o de agora) senón nas Rías Baixas.
Así o deu a coñecer este domingo a propia institución, que anunciou que a provincia de Pontevedra converterase no próximo novembro no epicentro estatal da Ruta dos Fenicios ao acoller a asemblea estatal deste itinerario cultural.
Co obxectivo de ir preparando o encontro, a Deputación de Pontevedra promove este martes 24 de abril unha xornada titulada 'Rías Baixas na Ruta das Kassitérides, mito ou realidade?', na que participarán os historiadores Arturo Ruiz, Manuel Peregrina e Rafael Rodríguez.
A xornada celebrarase a partir das 18.00 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través do correo electrónico info.riasbaixas@depo.es.
A Deputación de Pontevedra pertence á rede estatal española Ruta dos Fenicios tras ter descuberto restos fenicios e púnicos e documentalos nos xacementos de Monte do Castro (Ribadumia), A Lanzada (Sanxenxo), Monte do Facho (Cangas) e Punta do Muíño do Vento (Vigo), sendo o territorio máis meridional da ruta, ademais de ser o primeiro alleo ao Mediterraneo.
A Ruta dos Fenicios é un itinerario cultural internacional, recoñecido polo Consello de Europa, que atravesa 18 países e une tres continentes, conectando as grandes rutas marítimas empregadas pola civilización fenicia desde o século XII A.C.
Co fin de preparar á provincia para este importante acontecemento, celebrado na anterior edición en Ibiza, a Deputación de Pontevedra acolle e acollerá nos vindeiros meses a persoas relacionadas coa difusión da Ruta das Kassitérides. Neste caso, serán o director científico da ruta e o coodinador e secretario técnico os que visiten a provincia para espallar a importancia deste itinerario cultural.