Un detido por pegar dous homes e roubarlles unha cazadora confesa que o fixo para cobrar unha débeda
Por Natalia Puga
Un home de 25 anos foi detido pola Policía Local de Pontevedra tras presuntamente agredir dous homes aos que sacou á forza dun local e roubar a un deles unha cazadora e 50 euros. Tras ser arrestado, recoñeceu as agresións e explicou aos axentes que o fixo para cobrarse unha débeda que tiña con el desde anos atrás.
Os feitos ocorreron na madrugada de xoves 19 ao venres 20 de abril nas rúas Arco e Cousiño, no centro histórico de Pontevedra. Dous homes de 30 e 46 anos estaban nun local de Cousiño cando entrou un coñecido e sacou un deles do establecemento a labazadas. Xa no exterior, levouno de forma violenta ata a rúa Arco, onde lle agrediu.
A continuación, volveu ao local para buscar ao outro amigo e, nesta ocasión, levouno á rúa suxeitándoo polo peito e, cando chegaron ao exterior, agrediulle no peito e a cara. Tras pegarlle, rouboulle unha cazadora que tenia nun peto 50 euros .
Un dos agredidos alertou á Policía Local e ambos explicaron a unha patrulla que se desprazou ata a zona o que ocorrera. Indicáronlle que o agresor seguía no citado establecemento de copas, de modo que os policías dirixíronse ao mesmo. Cando se dispoñían a entrar coincidiron con el xa saíndo do local.
O mozo levaba posta a cazadora dun dos denunciantes e recoñeceu aos axentes que lles agredira e roubara. Segundo as súas explicacións, fíxoo tomándose a xustiza pola súa man, pois os seus opoñentes tiñan con el unha débeda de 50 euros desde anos atrás e decidira cobrala.