Sanxenxo promove bonificacións fiscais do 95% para atraer empresas ao municipio
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo promoverá unha serie de modificacións nas súas ordenanzas fiscais para atraer empresas e industrias ao municipio e fomentar o emprendemento entre os cidadáns.
Segundo deu a coñecer esta fin de semana, o grupo de goberno levará este luns a comisión e o vindeiro xoves a pleno unha proposta de convenio coa Consellería de Industria dentro do programa 'Concellos doing bussiness Galicia' con este obxectivo.
Para logralo, aprobaranse bonificacións de ata o 95% do imposto de bens e inmobles (IBI), do imposto de actividades económicas (IAE) e do imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO).
As empresas e os emprendedores que queiran beneficiarse destas bonificacións terán que cumprir unha serie de requisitos entre os que destaca a creación de novos postos de traballo.
A adscrición a este convenio permitirá, unha vez concluídas as obras de urbanización do parque empresarial de Nantes, converter este espazo nun lugar máis atractivo para a creación e investimento de empresas.
Por outra banda, o goberno tamén propoñerá no próximo pleno a firma dun convenio coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para a aplicación da disciplina urbanística exclusivamente nas zonas rurais. Con esta medida, a APLU encargarase da vixilancia do cumprimento da lexislación urbanística, do PXOM e da Lei do Solo de Galicia.
Entre as medidas que irá ao pleno tamén se atopa unha proposta de modificación da ordenanza de teleasistencia, o que vai supoñer un custo menor para os usuarios deste servizo.
Ata agora, en base a un convenio asinado coa Deputación Provincial de Pontevedra en 2012, o custo deste servizo repartíase a razón dun 33% cada unha das tres partes, Deputación, Concello e usuario. A partir de agora a repartición será un 50% a Deputación, un 25% o Concello e o outro 25% achegarao o usuario.
Esta modificación supoñerá que os veciños que reciben este servizo terán unha redución do 8% do seu custo.