Últimas prazas dispoñibles para descubrir o 'Marisqueo nas Rías Baixas'
Por Redacción
As dúas primeiras das catro rutas gratuítas para descubrir o 'Marisqueo nas Rías Baixas' que organiza a Deputación de Pontevedra realizaranse a próxima fin de semana, o sábado 28 e o domingo 29 de abril, e a institución provincial recorda que xa quedan poucas prazas por reservar e días para facelo.
As prazas xa están esgotadas para a actividade do sábado e restan apenas media ducia delas para a ruta do domingo. As inscricións estarán abertas ata o vindeiro xoves 26 de abril, tendo unha limitación de 25 por ruta. As persoas interesadas deben formular a súa inscrición a través do correo electrónico medioambiente@depo.es.
Estas novidosas rutas da Deputación están deseñadas para achegar a experiencia do marisqueo a pé á poboación da provincia, ofrecéndolles unha actividade na que poderán levar a cabo un obradoiro práctico nas augas da ría, co apoio das mariscadoras de AmarCarril, e na que recibirán formación sobre este oficio e a súa historia.
Estas rutas combinan a vertente turística coa ambiental, sensibilizando deste xeito á poboación local sobre a conservación e posta en valor dos nosos activos turísticos e das nosas rías como un recurso cun enorme potencial, que debe ser optimizado de xeito sustentable.
Tras estas dúas primeiras rutas, as seguintes citas serán o 19 e 20 de maio, pois estaban fixadas para os días 14 e 15 de abril, pero quedaron adiadas polo mal tempo.
As persoas que solicitaron praza para participar nestas rutas, antes de ser suspendidas polo mal tempo, terán garantida a súa reserva. Aínda así, abrirase unha nova convocatoria de inscrición do 7 ao 16 de maio.