Marín reserva 250 prazas para os campamentos urbanos de verán
Por Redacción
Un total de 250 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, participarán este verán nos campamentos de conciliación que o Concello de Marín vai a poñer en marcha nos meses de xullo e agosto.
O obxectivo é dar cobertura ás necesidades das familias con dificultades de conciliación persoal, familiar e laboral con servizos e actividades lúdico-educativas de calidade.
Os campamentos celebraranse no CEP Sequelo. Haberá 75 prazas para as quendas do 2 ao 13 de xullo e do 17 ao 31 de xullo, mentres que serán 50 prazas do 1 ao 14 de agosto e do 16 ao 31 de agosto, segundo informa o goberno municipal.
Coa intención de facilitar o acceso a este recurso municipal ás familias que habitan nas zonas rurais do municipio, terán lugar dúas quendas de campamentos rurais para un total de 50 nenos e nenas.
O máximo de solicitudes a entregar por persoa será de catro e a cobertura das prazas será por rigorosa orde de inscrición. O prezo público dos campamentos será de 30 euros por participante e o prazo de inscrición será do 2 de maio ata o 18 de maio, ambos dos dous inclusive.
Nos campamentos só poderán participar nenos e nenas empadroadas en Marín, agás cando unha quenda non estea completa, que se terán en conta outras preferencias.