O colectivo ambiental Rexeneracion.net celebra o Día Internacional da Nai Terra na praia da Calzada
Por Redacción
Ponte Caldelas celebra este domingo, día 22, na praia da Calzada, o Día Internacional da Nai Terra. A actividade está organizada polo colectivo Rexeneracion.net e conta coa colaboración do Concello.
Celia Gradín Montero, responsable de Rexeneracion.net mantivo unha xuntanza co alcalde, Andrés Díaz, para presentar este evento, que nace con vocación de continuidade. O encontro inclúe unha ampla programación artística, pero tamén se degustarán pratos de comida natural, sostible e vexetariana e bebidas elaboradas artesanalmente. A festa complétase coa presenza de 15 artesáns.
Todas as actuacións son solidarias para colaborar co proxecto de Rexeneracion.net. Haberá postos de comida e bebida ecolóxica a prezos populares e a recadación será empregada na recuperación dos nosos montes e na loita contra as especies invasoras, especialmente o eucalipto.
O programa comeza ás 12.00 horas coa actuación musical do grupo tradicional Amoras Maduras. Ás 12.30 horas, obradoiro para a captura de avespas velutinas. Ás 13.30 horas música a cargo de Toxo na silveira. Ás 14.30 horas, cuarteto de jazz Manouche. Ás 15.30 horas Ciobra Folk con Auga e vento. Ás 16.30 horas, máis música e poesía a cargo de Tábula rasa. Ás 17.30 horas, poesía onírica con Nerea. Ás 18.00 horas, obradoiro eco-feminista e, finalmente, ás 19.30 horas, música folk con Earan.
O goberno local valora a actuación deste colectivo, formado por varios centos de persoas de toda Galicia conectadas en Rede, e que fai un labor a prol dos valores autóctonos das masas forestais e de acción e concienciación social contra os prexuízos do monocultivo eucaliptizador.
Rexeneracion.net naceu a raíz dos lumes do pasado 15 de outubro e autodefínese como "un proceso de intelixencia colectiva" que se organiza en células que funcionan como grupos de traballo.