Os narcos inspirados en Fariña arrasan nas eleccións ficticias do campus de Pontevedra
Por Redacción
A televisión e o cine foron a inspiración dos catro partidos que se presentaron ás eleccións ficticias celebradas no campus de Pontevedra. E, entre eles, os narcos que evocaron a Fariña, a serie que emite Antena 3 sobre o narcotráfico nas Rías Baixas, foron os claros gañadores.
Baixo o nome O Cártel lograron a vitoria con 93 votos, seguido polos 59 apoios acadados polo partido Xeración X, os 50 de A-narcos e os 27 de Superfabu.
Este proceso electoral é un traballo que forma parte dunha materia do grao en Publicidade e Relacións Públicas, impartida por Xosé Rúas. Nel, enfrontáronse catro partidos creados para a ocasión polo alumnado, que se xogan nestes comicios unha parte da súa nota.
"É un xogo de rol, para ben e para mal ", sinala Rúas da actividade que cada ano promove no marco da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, e na que as votacións se viron precedidas o mércores polo debate entre os candidatos: Alba Martínez, de A-narcos; Sara Bouza, de Superfabu; Noelia Fontecoba, de Xeración X, e Ángel Vázquez, de O Cártel.
Por segundo ano, estas eleccións contaron coas dúas enquisas de intención de voto realizadas polo alumnado de Dirección e Xestión Pública, no marco dunha materia impartida por Juan Vidal. Enquisas que, nun dos casos, si deron como vencedor a O Cártel, mentres que noutro sinalaban ao segundo partido con máis votos, Xeración X, como posible vencedor.
"Este ano foi unha campaña moi intensa, tamén máis curta que outros anos, para que non coincidise coas eleccións á Reitoría", engade Rúas dunha iniciativa que se viviu con "moita expectación" pola súa coincidencia coa campaña electoral real e que é tamén un xeito de "sentir un pouco de paixón pola comunicación política".
A campaña comezou o pasado 9 de abril coa pegada de carteis e nela os diferentes partidos desenvolveron unha serie de actividades no centro. A formación gañadora, O Cártel, promoveu unha churrascada ás portas da facultade como peche de campaña, despois de organizar "descargas" nas que achegaron ao centro "elementos que fan falla, como un microondas".
Talleres de programas informáticos e idiomas ou un concerto na entrada do centro foron algunhas das iniciativas de Xeración X, un partido inspirado no Xabarín Club que avogaba pola promoción do galego e da creatividade.
Os integrantes de A-narcos promoveron diferentes xogos e compartiron titoriais e apuntes na rede, ademais de organizar un coloquio con estudantes que participaron no programa Erasmus, conxuntamente con Superfabu, que pola súa banda impulsou tamén diferentes xogos ou un "superbook" no que a xente podía escribir o que quería.