A reforma urbana do centro de Ponte Caldelas, a partir de setembro
Por Redacción
En setembro, tras as Festas das Dores. É a data na que comezarán as obras de reforma urbana do centro de Ponte Caldelas, segundo vén de confirmar o goberno municipal tras unha xuntanza cos comerciantes da vila.
Este proxecto inclúe, como actuacións principais, a reforma da praza de España, a creación dunhas 260 prazas de aparcamento, o cambio de sentido de dúas rúas e a ampliación das beirarrúas máis estreitas.
Cos comerciantes, o goberno pecha unha xeira de máis de cincuenta xuntanzas, tanto individuais como colectivas, para explicar polo miúdo un proxecto que considera moi positivo para o futuro de Ponte Caldelas.
"Queremos unha Ponte Caldelas máis bonita, máis acolledora, á que é fácil chegar, que invita a pasear, pero na que tamén sexa fácil aparcar", explicou Díaz, "temos un modelo propio, que chamamos modelo Ponte Caldelas, que potencia as nosas fortalezas sen xerar ningunha debilidade".
Partindo da idea de crear un gran espazo de convivencia entre peóns e vehículos na praza de España, as únicas rúas nas que haberá cambios de dirección con respecto á actualidade son a avenida de Vigo e a rúa do Bora Río.
Na avenida de Vigo, no tramo da contorna do balneario, créase a maior bolsa de aparcamento, aproveitando que queda configurado con sentido único de saída. O tramo intermedio continuará en dobre dirección, mentres que o tramo entre a praza de España e o cruce central terá dirección única de entrada para dar saída aos vehículos que chegan pola rúa Marín.
A rúa do Bora Río cambia a sentido de baixada para corrixir o grave problema de seguridade viaria que se producía no cruce da estrada de Laxoso.
A petición dos comerciantes, a rúa de González Besada mantén a súa configuración actual en dirección dobre, o que supón renunciar ás prazas de aparcamento en batería que se creaban alí. Non obstante, recuperaranse na nova praza entre o colexio Cordo Boullosa e o parque infantil, onde se instalará unha rotonda ornamental coa fonte do chafarís como protagonista.
A rúa de Concepción Arenal mantense, como agora, en sentido único de baixada, aínda que amplíase a beirarrúa do lado dos edificios aproveitando o espazo que se gaña ao eliminar a beirarrúa contraria, cun uso case nulo, previo reforzo do peche do parque infantil da ludoteca e a gardería. O deseño municipal mantén a creación de novas bolsas de aparcamento en batería na rúa Rosalía de Castro e no espazo central de Chan da Barcia.
Ao mesmo tempo, o Concello opta por non tramitar a limitación a 30 km/h na avenida de Pontevedra e na rúa da Ponte (eixe central da vila) porque, ao tratarse dun tramo de estrada autonómica, requiriría dunha tramitación diante da Consellería que non é proclive a este tipo de medidas na súa rede.
O alcalde avanzou que, de cara a licitación destas obras, na selección das empresas contratistas darase especial relevancia á redución dos prazos de execución da reforma.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas destina 645.000 euros de fondos propios e un préstamo para novos investimentos
Por Redacción |
-
Licitan a humanización da Praza de España e a reforma dos xardíns de Xerardo Carballal
Por Redacción |
-
O Concello repara unha canalización estragada e tamén volve erguer un muro en Caldelas
Por Redacción |
-
Revolución no centro de Ponte Caldelas con beirarrúas máis anchas e máis aparcamento
Por Redacción |
-
A contorna da Alameda de Ponte Caldelas prepárase para unha transformación
Por Redacción |